Dous taekwondistas representarán a UVigo nas olimpíadas universitarias

Preto de 8500 deportistas de 150 países participarán no mes de xullo en Alemaña nos Xogos Mundiais Universitarios, nos que a Universidade de Vigo estará representada polos taekwondistas e estudantes do campus de Pontevedra Desirée Rivadulla e Lois Tomás. Coñecidas como as olimpíadas universitarias, trátase dunha competición promovida pola Federación Internacional de Deportes Universitarios (FISU), que engloba 18 modalidades deportivas e que se desenvolverá entre o 16 e o 27 de xullo en cinco cidades da rexión alemá do Rin-Ruhr, así como en Berlín.

Con “grande ilusión e moitas ganas” recibiu Rivadulla, estudante da Facultade de Fisioterapia, a nova de que formaba parte das e dos 18 deportistas seleccionados pola Real Federación Española de Taekwondo para participar nesta competición bienal, anteriormente denominada Universiada. A deportista do Costado Taekwondo de Boiro xa fora seleccionada en 2023 para participar nos Xogos Mundiais Universitarios disputados na China, unha experiencia que lembra como “algo inesquecible”. Disputados na cidade de Chengdu, Rivadulla sinala que aquela competición foi “como vivir uns xogos olímpicos”, nos que competiu “nun pavillón cheo de xente animando” ao que se sumou a convivencia con deportistas universitarios de diferentes países e disciplinas. 

“Foi unha experiencia xenial e poder repetila faime moita ilusión”, engade esta alumna do Grao en Fisioterapia, que incide no positivo de poder vivila agora con Lois Tomás, estudante da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, con quen comparte vivencias deportivas desde que entrou na selección galega. “Pilloume por sorpresa e foi unha gran felicidade”, recoñece o alumno do Grao en Educación Primaria, quen recoñece a ilusión que supón tanto participar nesta competición internacional como “convivir con xente doutros deportes”. 

A vitoria no Campionato de España Universitario, clave

O pasado mes de maio, tanto Tomás como Rivadulla alzábanse coa medalla de ouro no Campionato de España Universitario (CEU) de taekwondo, disputado en Alcalá de Henares, el na competición masculina de -63 quilos e ela na feminina de +73. Estes triunfos, que contribuíron a que a UVigo lograse o bronce na clasificación por equipos, resultaron determinantes para que ambos fosen seleccionados para estas olimpíadas universitarias de verán. Non en van, o resultado neste torneo e, nun segundo termo, a posición no ránking estatal eran os aspectos que ían definir quen viaxaría a Alemaña, o que fixo que esta edición do CEU implicase “un pouco máis de presión”, recoñece Tomás. Despois de lograr dúas pratas e un bronce nas edicións previas, o deportista do Natural Sport de Ribeira lograba a vitoria na súa categoría xusto no ano no que este triunfo lle abría ás portas a unha competición que, sinala, “será como vivir uns xogos olímpicos”.

Fóra diso, Tomás recoñece que o CEU é unha competición que adoita implicar unha “presión diferente a cando vou a un Campionato de España” e na que conviven cun “grupo moi bo, co que soemos pasalo moi ben”. Neste aspecto coincide tamén Rivadulla, que logrou o ouro nas tres últimas edicións do CEU, ao que acude cada ano “con moitas ganas” e no que, recoñece, “as cousas saen sempre mellor, porque teño outro tipo de presión que noutros campionatos”.

A de 2025, ademais, foi probablemente a súa última participación nos torneos universitarios, xa que ambos atópanse rematando o cuarto curso dos seus graos, que ao longo destes anos tiveron que compaxinar cos adestramentos no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), as viaxes e as competicións. “Eu creo que conséguese a base de organización e de ganas”, recoñece Rivadulla, que destaca o apoio recibido na facultade, na que “sempre que tiña unha competición, non me puñan ningunha pega para cambiar exames, prácticas ou o que fose necesario”. A importancia de organizarse é destacada tamén por Tomás, quen admite que compaxinar deporte e estudos “realmente era algo que xa viñamos facendo tanto na ESO como no bacharelato. Levamos toda a vida adestrando e estudando, só que agora complicábase un pouco máis”, apunta. 

Unha cita na que buscarán chegar “o máis lonxe posible”

Campioa de España sub21 e subcampioa en categoría sénior, na traxectoria deportiva de Desirée Rivadulla destacan éxitos como ser campioa de Europa por clubs en 2019 ou o quinto posto que acadou no europeo sub21 en 2023, mentres que Tomás acumula logros como o ouro no campionato de España de clubs sub21 en 2023, ano no que lograron tamén a prata na competición sénior, así como as medallas acadadas en opens internacionais en Israel, España e Romanía. 

A estes fitos súmase agora a participación nestes Xogos Mundiais, aos que acoden co obxectivo de “ir pasando o máximo de roldas que sexa posible” e tratar de loitar polas medallas, como recoñece Tomás. Non en van, trátase dunha competición que supón “moitos puntos para o ránking”, tanto estatal como internacional, explica Rivadulla, que en 2023 alcanzou os cuartos de final. Nese senso, un bo resultado en Alemaña “inflúenos positivamente tamén para futuras competicións”, sinala esta deportista, que acudirá á competición que terá lugar na cidade de Essen co obxectivo de chegar o máis lonxe posible, pero tamén de gozar dunha experiencia deportiva “totalmente diferente ao que vives normalmente”.

Mirando cara o futuro, ambos sinalan os Xogos Olímpicos como “o soño ao que aspiran todos os deportistas”, como apunta Tomás, ao tempo que fixan como obxectivo “tratar de entrar na selección española sénior” e conseguir clasificarse “para un mundial ou europeo”, engade Rivadulla. 

A UVigo volver estar representada a través do taekwondo

Con independencia de que deportistas doutras modalidades poidan ser convocados polas súas respectivas federacións, o taekwondo permite novamente á UVigo estar representada nos xogos da FISU, sendo o deporte que máis alumnado da institucións ten levado á Universiada. De feito, á participación de Rivadulla en 2023 viuse precedida pola de Iván García e Alejandro Losada en 2019, mentres quen en 2011 competiu Fernando Rascado, en 2009 Bruno García e en 2007 Lúa Piñeiro.