Dous proxectos innovadores da USC, seleccionados na sétima convocatoria Seed Funding de EUniWell

Financiar proxectos que contribúan a enriquecer a comprensión do benestar na investigación, na educación e na vida universitaria é o obxectivo principal da convocatoria Seed Funding de EUniWell, a alianza europea de universidades da que forma parte a Universidade de Santiago de Compostela. Na súa sétima edición, dous proxectos coordinados polas profesoras da USC Teresa Fernández Blanco e Narmeen Mallah, Geo3DTouch e PSYSUB, respectivamente, figuran entre as nove propostas transdisciplinares e innovadoras que finalmente recibirán financiamento.

Nesta convocatoria, á que se presentaron 52 solicitudes, a USC rexistrou tamén un alto índice de participación da súa comunidade universitaria, sendo a segunda institución do consorcio tanto en número de proxectos participados –seis dos nove seleccionados– coma coordinados, pero “a primeira no que concirne á taxa de éxito, xa que acadaron financiamento o 25% dos proxectos solicitados por integrantes da nosa institución”, como subliña a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso. “Estes datos -asegura a vicerreitora- reflicten a boa acollida da convocatoria Seed Funding na USC e o progresivo afianzamento de EUniWell na nosa comunidade universitaria”.

Os proxectos seleccionados
Geometry in Touch: 3D Modeling Resources for Visually Impaired Learners (Geo3DTouch), coordinado pola profesora titular da Área de Didáctica da Matemática Teresa Fernández Blanco, aborda a necesidade de mellorar a accesibilidade educativa e a inclusión do estudantado con discapacidade visual. Busca facilitar a comprensión de conceptos matemáticos mediante materiais táctiles elaborados con técnicas de modelado 3D. Grazas ás oportunidades de colaboración internacional que facilita a convocatoria Seed Funding, este proxecto aspira establecer “un precedente para a  integración de tecnoloxías avanzadas na educación inclusiva”, subliña Fernández Blanco.

Por outra banda, Narmeen Mallah, profesora axudante doutora da área de Medicina Preventiva e Saúde Pública, coordina o proxecto Social and psychosocial determinants of psychoactive substance use and misuse by university students (PSYSUB), focalizado no problema de saúde pública que representa o consumo de sustancias psicoactivas e bebidas enerxéticas por parte de adultos mozos. Co apoio dun equipo multidisciplinar, o seu obxectivo é avaliar os determinantes sociais e psicosociais detrás deste problema e, como afirma a coordinadora, “deseñar intervencións educativas e preventivas para controlar o mal uso dos fármacos psicoactivos e reducir o consumo das bebidas enerxéticas”.

A convocatoria Seed Funding fomenta a colaboración internacional e a creación de redes entre persoal e institucións de distintos países, representando “un espazo para compartir experiencias e coñecementos”, como sinala Mallah. Ademais, para Fernández Blanco “habilita conexións estratéxicas, a validación de ideas innovadoras e o desenvolvemento de proxectos que poden ter un impacto significativo e sostible a longo prazo”.

A oitava convocatoria Seed Funding de EUniWell abrirá o período de recepción de propostas o 20 de xaneiro de 2025. As iniciativas seleccionadas en convocatorias anteriores poden consultarse na páxina de EUniWell.