Santiago de Compostela
A Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC impulsa dous novos cursos en liña baixo o formato Massive Open Online Course (MOOC), nos que o conxunto da comunidade universitaria xa pode inscribirse de balde previo rexistro no web no que se enmarca a actividade formativa. Os cursos titúlanse ‘A proxección internacional do Camiño de Santiago. Asociacións, hospitalidade e peregrinos’ e ‘Topografía xacobea da cidade de Santiago de Compostela, meta internacional de peregrinación’.
Hospitalidade
Francisco Singul, doutor en Historia da arte e xefe de área de Cultura Xacobea da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo da Xunta de Galicia, será o encargado de impartir o primeiro dos MOOCs que profundará na sensibilidade hospitalaria demostrada nas rutas de peregrinación e que fixo desta práctica un dos trazos de identidade do Camiño de Santiago, constituíndo un servizo de axuda sanitaria e espiritual de variada orixe, eclesiástica e civil; rexia, aristocrática ou popular. “A caridade e a hospitalidade na ruta compostelá, como feitos correntes na sociedade medieval, inspirou a fundación de hospitais dedicados a atender as necesidades espirituais e materiais, alimenticias, sanitarias e hixiénicas, do crecente número de peregrinos”, sinalan dende Cátedra institucional da USC. Do mesmo xeito que en séculos pasados, o actual contexto internacional é clave para comprender o fenómeno xacobeo e o crecente éxito do Camiño de Santiago e, en consecuencia, da vitalidade da hospitalidade xacobea.
Para enriquecer os contidos do MOOC, contarase coa colaboración de especialistas no Camiño de Santiago e no asociacionismo xacobeo como Juan M. Monterroso, catedrático de Historia da arte da USC; Manuel F. Rodríguez, xornalista, peregrino e estudoso do Camiño de Santiago; José Antonio de Rísea, peregrino, hospitalero e membro da Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago; e Antón Pombo, historiador e xornalista especializado no Camiño de Santiago.
Topografía
O director da Cátedra do Camiño e catedrático da USC, Miguel Taín, impartirá o segundo dos MOOCs no que se afondará na cidade de Santiago de Compostela, meta da peregrinación polo Camiño de Santiago dende a Idade Media e ata a actualidade, que conserva un vizoso patrimonio arquitectónico e artístico recoñecido internacionalmente pola UNESCO coa súa declaración como Patrimonio da Humanidade en 1985. Unha parte deste patrimonio está vinculado a ofrecer servizos físicos e espirituais aos peregrinos. “Refírome a aloxamentos, lugares de lecer, boticas, cociñas de sopa boba, enfermarías, mancebías, o mercado, o Hospital Real, o cemiterio da Rúa da Trinidade ou o Cruceiro do Home Santo, así como lugares de culto xacobeo como a propia Catedral, a fonte e capela da Rúa do Franco, a igrexa de Salomé ou a de San Fiz de Solovio”, enumera o profesor Taín.
A descubrir e explicar todo ese valor patrimonial destínanse os contidos deste MOOC, ofrecendo ao estudante “camiñar” polos mesmos itinerarios urbanos que percorrería un peregrino de outrora. Para enriquecer os contidos do MOOC, contarase coa colaboración de especialistas no Camiño de Santiago e no asociacionismo xacobeo, como Manuel Castiñeiras, presidente do Comité de Expertos do Camiño de Santiago e catedrático de Historia da Arte da Universidade Autónoma de Barcelona; Paolo Caucci von Saucken, presidente de honra do mesmo comité; Ramón Yzquierdo Peiró, director técnico do Museo da Catedral de Santiago; e Antón Pombo, historiador e xornalista experto no Camiño de Santiago.