Santiago de Compostela
A pneumonía é unha das principais causas de morbilidade e mortalidade na infancia, sendo o seu diagnóstico preciso, un elemento crucial para garantir o tratamento acaído. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), a pneumonía é responsable de aproximadamente 1,4 millóns de mortes anuais en cativada menor de cinco anos. Para facer fronte a este desafío, dous estudos liderados polos profesores da USC Antonio Salas Ellacuriaga e Federico Martinón Torres acaban de lograr avances significativos no diagnóstico da pneumonía pediátrica mediante o uso de biomarcadores transcriptómicos.
Estes achados, publicados nas revistas iScience e Nature Communications poderían transformar a forma en que se diagnostican e tratan as infeccións pulmonares na infancia, mellorando a precisión, personalización e eficacia dos tratamentos. Os tamén investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS) e pertencentes ao Hospital Clínico Universitario de Santiago coordinan un equipo europeo interdisciplinario do que forman parte hospitais e universidades de España, Reino Unido, Alemaña e Grecia.
Menos antibióticos
O transcriptoma é o conxunto de todas as moléculas de ARN (tamén chamadas transcritos) presentes nunha célula ou grupo de células nun momento determinado. No primeiro estudo, publicado en iScience, o equipo investigador presenta unha firma transcriptómica composta por cinco transcritos que permite diferenciar de maneira efectiva as causas virais e bacterianas da pneumonía infantil. Este avance é crucial, xa que un diagnóstico preciso pode reducir o uso innecesario de antibióticos, contribuíndo á loita contra a resistencia antimicrobiana, “a pandemia silenciosa que constitúe unha das principais ameazas reais da saúde global”, explican Salas e Martinón.
A análise realizouse nunha das cohortes pediátricas máis grandes estudadas ata a data, utilizando ferramentas transcriptómicas avanzadas. O equipo demostrou que este conxunto de transcritos ofrece unha notable precisión diagnóstica, abrindo a porta a unha implementación clínica que optimizaría o manexo da pneumonía infantil e os recursos médicos. O profesor Salas destaca “o paso de xigante” que supón o uso de marcadores moleculares no hóspede para a detección de infeccións. “Esta metodoloxía baseada no estudo das firmas transcriptómicas do hóspede representa unha gran axuda á microbioloxía tradicional, o que podería representar unha gran mellora na capacidade de diagnóstico e tratamento”, afirma. Pola súa banda, Federico Martinón, destaca a importancia deste avance. “Esperamos non só mellorar a atención médica para a cativada con pneumonía, senón tamén contribuír á loita contra a resistencia aos antibióticos ao reducir o uso inapropiado destes medicamentos”, sinala.
Este enfoque vese ampliado no segundo estudo ao analizar firmas transcriptómicas específicas para identificar infeccións causadas por Mycoplasma pneumoniae, a penúltima ameaza infecciosa que arrasou China, un axente patóxeno que causa unha pneumonía atípica, diferenciándoa doutros tipos de pneumonía en cativada e mocidade. O equipo avaliou máis de 1.000 firmas transcriptómicas usando unha nova metodoloxía de remostreo combinada con técnicas de machine learning, e atoparon que conxuntos de 3 a 10 transcritos podían distinguir esta infección doutras etioloxías pulmonares con alta sensibilidade e especificidade. O persoal investigador atopou que as firmas transcriptómicas desenvolvidas mostraron un rendemento moi prometedor na identificación de Mycoplasma pneumoniae, “cunha capacidade diagnóstica próxima á perfección” ao diferenciar entre M. pneumoniae e controis sans.
Esta perspectiva non só mellorou a precisión do diagnóstico, senón que tamén considerou a robustez das mellores firmas para diferenciar M. pneumoniae doutros subgrupos de pneumonía, incluíndo pneumonías virais e bacterianas. Os resultados indicaron que as firmas de 3 a 10 transcritos eran capaces de distinguir M. pneumoniae con alta sensibilidade e especificidade, “o que representa un avance significativo no diagnóstico desta infección”. Os autores do estudo, que inclúen especialistas en bioinformática e bioloxía computacional do grupo de investigación de Santiago de Compostela, destacaron a importancia destes achados para a práctica clínica. En palabras de Salas, «a capacidade de distinguir entre diferentes tipos de pneumonía a través de firmas transcriptómicas pode levar a tratamentos máis específicos e efectivos para as persoas pacientes».
Decisións máis informadas
O profesor Martinón indica que “a implementación destas firmas transcriptómicas na práctica clínica podería revolucionar o manexo da pneumonía en pediatría”. Actualmente, moitos casos de pneumonía trátanse de maneira empírica, o que pode resultar en diagnósticos erróneos e tratamentos inadecuados. Coa introdución destas ferramentas de diagnóstico, os profesionais da Medicina poderán tomar decisións máis informadas sobre o tratamento, como a elección entre macrólidos e antibióticos beta-lactámicos, o que podería mellorar significativamente os resultados clínicos. O profesor Salas conclúe que “as ciencias ómicas, tal e como as usamos no noso grupo de investigación, son fundamentais na medicina personalizada actual, xa que permiten unha detección máis precisa de infeccións e a identificación de perfís biomoleculares específicos, o que facilita tratamentos máis efectivos e adaptados ás necesidades individuais dos pacientes”.
Nos últimos anos, reportáronse gromos de Mycoplasma pneumoniae en diversas partes do mundo. En Europa, observáronse aumentos nos casos de M. pneumoniae en países como España, Dinamarca, Francia e Países Baixos durante o ano 2023. Ademais, en novembro de 2023, a OMS informou dun incremento nas consultas ambulatorias e hospitalizacións por pneumonía causada por M. pneumoniae en China dende maio, xunto cun aumento nos casos de virus respiratorio sincitial (VRS), adenovirus e virus da influenza desde outubro. Estes gromos subliñan a necesidade urxente de ferramentas de diagnóstico máis precisas e rápidas para abordar a reemerxencia desta infección. Os investigadores continúan traballando na validación destas firmas en cohortes máis amplas e diversas, así como na exploración da súa aplicabilidade en diferentes contextos xeográficos e poboacionais. Desde o grupo de investigación apuntan á importancia de desenvolver dispositivos a pé de cama para poder utilizar estas dianas nun contexto clínico inmediato, albergando a posibilidade de que este tipo de test alcance algún día á súa disposición nas farmacias, tal e como se fai para a gripe e a COVID-19.