Santiago de Compostela
Xa está operativo no web Compostela Decide o formulario para a presentación de propostas no proceso dos Orzamentos Participativos de Xuventude do Concello de Santiago de Compostela. Na fase de presentación das propostas pode participar calquera persoa, sen límite de idade, para propor actividades ou programas dirixidos especificamente á mocidade e que aborden calquera temática. As propostas deben ser viables tecnicamente, ser competencia municipal e de interese xeral, e non superar o orzamento de 15.000 euros por actividade.
Logo de ser avaliadas tecnicamente e seleccionadas as que sexan viables, a votación das propostas está prevista para o mes de marzo. Nesta fase só poderá participar a mocidade nacida entre 1995 e 2009, empadroada en Santiago ou que acredite documentalmente que estuda ou traballa no municipio.
Coa intención de aclarar calquera dúbida sobre o proceso e fomentar a participación, a USC acollerá unha serie de puntos informativos sobre os Orzamentos Participativos. Así, o xoves 6 de marzo, de 11.00 a 14.00 horas, haberá un punto presencial na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais. Ese mesmo día, de 16.00 a 19.00 horas, haberá outro na Biblioteca Concepción Arenal. O luns 10 de marzo será a quenda da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte) e o 12 de marzo, da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Sur). En ambos os casos o horario estenderase de 11.00 a 14.00 horas.
Centos de propostas
Na edición de 2024, presentáronse 286 propostas. Moitas delas foron agrupadas porque eran coincidentes e, despois da validación técnica, puideron ser votadas un total de 103 propostas. No proceso de votación participaron case 1.200 persoas, o que supuxo un incremento de case o 420% con respecto á anterior edición dos Orzamentos Participativos de Mocidade do ano 2019. Entre as propostas seleccionadas pola mocidade, destacaron as relacionadas co cinema, a música, o benestar animal e a saúde.