Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo esta mañá unha reunión co alcalde de Vilamarín, Amador Vázquez. Tamén recibiu xunto con Lete Lasa e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, ao rexedor de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua.
En ambos encontros abordáronse as necesidades destes dous concellos ourensáns co obxectivo de avaliar posibles vías de colaboración desde a Xunta que contribúan á execución dos seus proxectos. As reunións enmárcanse no compromiso do Goberno galego coas entidades locais a través de distintas liñas de axudas que, só a través da Dirección Xeral de Administración Local, permitiron o ano pasado o impulso de case 700 iniciativas municipais, cun investimento de 32 millóns de euros.