O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou esta tarde no estadio Abanca Riazor da Coruña na recepción aos xogadores que desde hoxe ata o domingo participan na fase de prata de clasificación do Campionato de España de seleccións autonómicas masculinas nas categorías sub-14 e sub-16, organizado pola Real Federación Española de Fútbol en colaboración coa Real Federación Galega de Fútbol. No evento destacou a importancia desta competición que consolida Galicia como referente na organización de eventos de alto nivel no fútbol base.
Tamén sinalou que das máis de 110.000 licenzas de fútbol en Galicia, seis de cada dez corresponden precisamente ao fútbol de base con máis de 68.700. Cómpre lembrar que das licenzas de base, a Xunta financia aos participantes do programa Xogade de 6 a 16 anos o seguro gratuíto.
O campionato lévase a cabo en distintos recintos deportivos da provincia da Coruña. Xa arrincou hoxe no campo municipal de Gallamonde de Miño e acollerá partidos na cidade deportiva A Torre da Coruña e no campo municipal de Vilaboa de Culleredo. Os primeiros clasificados e o mellor segundo de cada grupo pasarán á fase final.
Diego Calvo desexoulle moita sorte aos 36 integrantes do cadro galego, que hoxe xa debutou con vitoria na categoría sub-16 contra Ceuta en Miño. O equipo liderado por Rubén López medirase mañá pola mañá a Castela-A Mancha na Torre. Pola súa parte, a selección sub-14 dirixida por Lalo Súarez enfrontarase tamén mañá pola mañá no mesmo recinto contra A Rioxa e o domingo contra Melilla en Culleredo.