Día de Europa 2025

Este 9 de maio celebramos os 75 anos da Declaración de Schuman, que propuxo a creación da Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro. Aquel acordo pioneiro sentou as bases da actual Unión Europea e permitiu iniciar un camiño de reconciliación e cooperación tras décadas de guerras no continente.

Aquel xesto político, valente e visionario, puxo en marcha un proxecto que hoxe seguimos construíndo e defendendo: unha Europa de paz, de liberdade, de solidariedade e de progreso compartido. Un espazo onde a diversidade é unha forza e onde os dereitos fundamentais das persoas son a pedra angular do sistema democrático.

Europa non se fixo dun día para outro, nin sen obstáculos. Foi avanzando a través das crises, como sinalaba Jean Monnet, e medrando con cada solución colectiva. Fíxoo durante a pandemia, cando a UE, sen competencias sanitarias directas, liderou unha resposta conxunta que protexeu a saúde e a economía. E faino hoxe, fronte a novas ameazas e desafíos globais.

Con guerras ás portas das nosas fronteiras, o proxecto europeo cobra nova relevancia. A necesaria política común de defensa súmase aos retos da transformación ecolóxica, da transición dixital, da reindustrialización e da loita contra as desigualdades. A resposta, unha vez máis, pasa por máis integración, máis cooperación e máis solidariedade entre os Estados e os pobos de Europa.

Galicia, que axiña celebrará corenta anos como parte desta comunidade política, económica e social, é unha das rexións que máis proveito tirou da pertenza á Unión. Pero tamén é unha das que máis a defende e contribúe a facela máis forte e máis próxima á cidadanía. Galicia cre nunha Europa que non esqueza a política de cohesión nin o papel das rexións. Que respecte a identidade dos seus territorios e que saiba garantir unha transición xusta para todos os sectores, especialmente os máis expostos aos cambios: o agro, a pesca, a industria ou o rural.

Europa debe seguir sendo un proxecto de futuro para a nosa mocidade. Un espazo de liberdade, de oportunidades e de protección dos dereitos sociais. Un proxecto que nos une e nos impulsa a seguir mellorando a vida das persoas.

Unida na diversidade, como di o lema da nosa Unión, Galicia é europea e seguirá sendo europea. Porque a Europa que queremos é aquela que defende a democracia, os dereitos, a igualdade e a prosperidade.

Feliz Día de Europa.

Deja un comentario