A banda galega De Ninghures ofrecerá o vindeiro xoves 14 un concerto na Igrexa da Universidade. O recital, enmarcado na oferta do Outono Cultural da Universidade de Santiago, dará comezo ás 21.00 horas.
Quen desexe asistir poderá recoller as súas entradas de balde o propio día do concerto a partir das 19.30 horas na entrada do recinto, cun máximo de dúas por persoa. O acceso á Igrexa farase a partir das 20.45 horas.
De Ninghures nace no ano 2019 con sete integrantes, todas e todos de distintos lugares de Galicia e con interese pola música de raíz galega que mesturan con ritmos e sons doutros pobos. Con tan só catro anos de existencia, De Ninghures conta no seu haber con varios premios, concertos en distintos puntos do Estado e hoxe é unha das bandas emerxentes galegas con maior percorrido.