Santiago de Compostela, 28 febreiro 2025
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude impulsa dentro do ciclo Clásicas desfeitas a estrea de Medea–Mamá–Monstro, unha nova creación teatral de Laura Porto e Helena Varela que interpela ao público para intentar dilucidar quen foi realmente Medea, a muller arquetipo da vinganza que retratou Eurípides na súa traxedia clásica. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director do Centro Dramático Galego, Francisco Núñez, asistiron hoxe á primeira representación da obra, que esgotou entradas para as dúas funcións programadas esta fin de semana na Cidade da Cultura.
Medea–Mamá–Monstro é unha obra itinerante na que a audiencia ten un papel fundamental, xa que debe buscar pistas, atender os testemuños de veciñas e familiares de Medea, e finalmente decidir se é culpable dos crimes que se lle atribúen: o asasinato de dous dos seus fillos como vinganza pola traizón e abandono do seu ex-marido Xasón. Laura Porto e Helena Varela incorporan na peza elementos do true crime e xogan coa robótica para facer reflexionar sobre o amor, a lealdade, a dor e o patriarcado. A obra conforma o volume XIII das Clásicas desfeitas, ciclo iniciativa do Centro Dramático Galego e da Cidade da Cultura que reformula en escena obras fundamentais da literatura desde unha óptica contemporánea.