Constatan a relevancia histórica da fosa do Val (Narón) tras o proceso de intervencións arqueolóxicas e forenses

A piques de rematar os traballos do I Plan Cuadrienal de Memoria Democrática (2021-2024), o equipo do grupo Histagra da USC atopou importantes achados preliminares na actuación de exhumación no cemiterio de O Val (Narón), que contemplaba a realización dunha gabia na parte dianteira dos nichos.

Os traballos de exhumación deron comezo o 4 de novembro coa finalidade de confirmar a localización da fosa, delimitar as súas dimensións e determinar o seu grao de alteración unha vez constatado o seu emprazamento baixo os nichos construídos derriba dela uns vintecinco anos despois dos asasinatos. No informe histórico previo, os investigadores consideraban un mínimo de 51 vítimas da violencia golpista que foron enterradas en distintas datas dende finais de agosto de 1936 e 1938. Todos eles homes, a gran maioría dunha idade entre 18 e 30 anos, eran mariñeiros, oficiais e suboficiais de Mariña e foron executados tras ser sentenciados por un tribunal militar a pena de morte. De forma concreta, as execucións de finais de decembro de 1936, con mais de 30 asasinatos, constitúen unha das maiores execucións colectivas das que se ten constancia en Galicia.

A grandes liñas, o equipo de investigación dá por cumpridos os obxectivos iniciais. Así, no sector 3, onde se concentra a gran maioría dos restos con sinais de violencia, atopados ata o momento, “aparecen inequivocamente, como mínimo, 4 individuos en posición non funeraria, indicando con claridade que se trata dun enterramento clandestino”. No sector 4 hai un individuo “que podería ser algunha das vítimas que buscamos, pero que non se pode determinar sen poder completar a escavación debido ás construcións dos nichos”, explican.

Tralos traballos no sector 2, apareceron 7 individuos en posicións aparentemente funerarias, salvo un deles, no que parecen observarse sinais de violencia no cranio. “Podería tratarse dun enterramento clandestino compartido con enterramentos funerarios convencionais, pero tamén poderían interpretarse como enterramentos convencionais todos eles”, afirman os investigadores, que advirten a imposibilidade de avanzar máis sen exhumar a parte dos restos que queda debaixo dos nichos. “Polo momento avanzouse ata onde foi posible, tratando de manter unhas condicións de seguridade óptimas”, aseguran.

Valoracións preliminares
Neste sentido, puideron constatar que se observan diferentes fases e dinámicas de enterramento e que, segundo os indicios atopados, todos se concentran debaixo dos nichos e a maior profundidade. “Todo isto permite traballar coa hipótese -afirman- de que os verdugos, conscientes da magnitude dos crimes que cometeron, foron tamén os responsables do intento de ocultar as súas pegadas”. Por iso, avanzan, “estamos a identificar a interpretar as pautas de ocultación en este proceso de investigación”.

En todo caso, os investigadores matizan que se debe ter en conta que toda esta información son valoracións preliminares que precisan dun tratamento crítico reflexivo posterior, cunha posta en común de todo o equipo que adoptará a súa forma definitiva nas memorias da intervención que se publicarán no apartado do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática da páxina web de Nomes e Voces e finalmente en publicacións científicas específicas.

Próxima actuación, na fosa de Cabreira
A partir desde luns 18 o equipo trasladarase á fosa de Cabreira (Salvaterra do Miño) onde o informe histórico previo, no que colaborou a Comisión pola recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e Louriña e outros investigadores locais, sinala a súa localización no adro do cemiterio, na que estarían enterradas 5 persoas asasinadas o 18 de outubro de 1936.

Segundo manifesta o equipo, non hai información clara de quen poderían ser esas persoas pero a hipótese coa que traballan é que eran cinco veciños de Moaña, dados por desaparecidos en 1936. Tras ser conducidos nun camión ata Curros, alí foron asasinados; posteriormente, os seus cadáveres foron trasladados e enterrados no cemiterio de Cabreira, tal e como sinala o rexistro civil de defuncións, no que constan como “descoñecidas”. Actualmente, dúas fillas/sobriñas dos moañeses reclaman ao equipo a procura, recuperación, identificación e entrega dos restos.