As horas de Sol medidas en Compostela foron 2.338 ao longo de 2024, o que supón a segunda marca máis alta deste século só superada polo rexistro de 2017 (2.351, 3 horas) e que quedou algo por riba da marca de 2023. Así o constata o ‘Resumo meteorolóxico do ano 2024 da cidade de Santiago de Compostela’, elaborado cos datos obtidos na estación meteorolóxica manual do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, centro colaborador da Axencia Estatal de Meteoroloxía. Os datos foron obtidos polo coordinador científico do Observatorio, José Ángel Docobo, e por Maximino Pardo, en tanto que a elaboración do resumo anual correu a cargo de José Ángel Docobo e Luca Piccotti.
O informe tamén destaca que a chuvia recollida ao longo do ano superou os 2.000 litros por metro cadrado, cifra semellante á de 2023, mentres que a temperatura máxima do ano foi compartida polos días 29 de xullo e 10 de agosto con 33,4 graos, inferior aos 36,2 graos alcanzados o 8 de agosto de 2023. Así mesmo cómpre lembrar o forte temporal da noite do 8 ao 9 de outubro (temporal Kirk) con vento sostido por riba dos 50-60 km/h no Campus Sur e que deu lugar á caída de numerosas árbores na cidade.
Chuvia
Igual que no ano pasado, en 2024 volveuse pasar dos dous mil litros por metro cadrado: dende 2015 a 2022 (ambos os dous inclusive) non se chegara a esta cantidade.
A diferenza con 2023 foi que en 2024 choveu bastante nos primeiros meses do ano e non tanto nos tres últimos pero aínda así, os 2.058,9 litros/m2 medidos no ano recentemente finalizado superan tamén a media das últimas décadas, que está en 1.800 l/m2. Non sobrepasando os 2.100 l/m2 pódese considerar dentro da normalidade en Santiago de Compostela.
Os meses mais chuviosos resultaron ser outubro e febreiro, con 391,8 e 313,1 l/m2 respectivamente. Pola contra o verán respondeu ás súas expectativas polo menos ao que auga se refire: xullo, 41,1 l/m2, e agosto, 8,8 l/m2 mantivéronse en rexistros típicos.
Os días de maior precipitación foron o 8 de outubro con nada menos que 101,5 l/m2, e o 8 de febreiro tamén cunha cantidade importante, 93,3 l/m2. En total pasouse dos 30 l/m2 en 17 xornadas. Choveu en 193 días de 2024, porén en 17 deles non chegou a 0,1 l/m2, o que se considera inapreciable. Sen contar estes últimos, os 176 restantes correspóndense ao 48,2% dos días do ano nos que nalgún momento houbo precipitación. Isto tamén é normal en Santiago, que ronda habitualmente o 50%.
Temperaturas
En xeral estas foron suaves, xa que o número de días con máximas superiores aos 30º foi só de 7, e por outra banda as temperaturas negativas (dentro do casco urbano da cidade) tan só apareceron nunha ocasión, o 20 de xaneiro con -1,3 graos. Logo houbo outros días con mínimas entre 0º e 1º, fundamentalmente tamén no primeiro mes do ano.
Xullo, a pesar do seu comezo pouco estival, proporcionou a finais de mes días bastante calorosos (cinco deles por riba dos trinta graos), en tanto que agosto nesta ocasión só sobrepasou este listón dúas veces. A pesar diso, a temperatura máxima do ano foi compartida polos días 29 de xullo e 10 de agosto con 33,4 graos. O día coa máxima mais baixa foi o 8 de xaneiro con só 6,1 graos, en tanto que a noite mais quente tivo lugar os días 29 e 30 de xullo con 20,4 graos.
Insolación
As horas de sol medidas en 2024 no Observatorio Astronómico Ramón María Aller foron 2.338, tan só superadas este século polas 2.351,3 horas rexistradas en 2017. Na distribución de tales horas non houbo anomalías, tendo sido os meses mais solleiros maio (292 horas), agosto (278) e xullo (272). Noutro extremo destacan novembro (83 horas), xaneiro (106) e decembro (119).
En 38 xornadas o astro rei non se deixou ver por Compostela, porén nos meses de maio, xuño, agosto e setembro isto non aconteceu nunca. Con máis de 9 horas de insolación houbo 107 días, destacando con lóxica os meses estivais. Entre 6 e 9 horas de sol contáronse en todo o ano un total de 97 días.
Temporal Kirk e outros fenómenos
Á parte do xa comentado en relación con días de moi alta precipitación, cómpre destacar o forte temporal da noite do 8 ao 9 de outubro (temporal Kirk) con vento sostido por riba dos 50-60 km/h no Campus Sur e que deu lugar á caída de numerosas árbores na cidade. Tamén é salientable o refacho de 68 km/h con dirección SSW rexistrado ás 11.54 horas do día 24 de novembro.
Na noite do 30 de novembro ao 1 de decembro, a zona da capital de Galicia resultou afectada por unha forte treboada que se iniciou a partir das 00.00 horas pero que tivo a máxima intensidade entre as 7 e as 8.30, xa no amencer do domingo 1 de decembro.