Compilan nun novo informe os dez últimos anos da investigación educativa en Galicia

Cada dez anos, a Universidade de Santiago elabora un informe, en colaboración coas outras dúas universidades públicas galegas, sobre o que ten dado de si a investigación educativa en Galicia. A terceira destas análises aparece compilada no libro A Investigación Educativa en Galicia (2015-2024) que este xoves se presentou no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA).

Foi o catedrático da USC e coordinador da obra, Miguel A. Santos Rego, quen presentou os detalles no acto, que ademais contou coa participación do reitor Antonio López, do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, e do director da Editorial Galaxia, Xosé Soutullo.

O volume, con prólogo do conselleiro de Educación, comeza cunha reflexión de Santos Rego sobre a investigación educativa en Galicia “diante da sociedade dos algoritmos” para logo recoller catorce capítulos de máis de 40 investigadoras e investigadores das universidades públicas galegas, dos que nove son encabezados por especialistas da Universidade compostelá. Cada un deses capítulos reflicte o traballo da investigación realizada nesta última década en áreas fundamentais de estudo relacionadas coa historia, os métodos de ensino, a tecnoloxía educativa, a diversidade cultural, a orientación profesional, ou a didáctica en disciplinas específicas como as ciencias, a lingua, e as artes.

Os retos
“Só mediante a combinación de excelencia científica, reflexión crítica e unha firme aposta pola transferencia do coñecemento poderemos enfrontar con éxito os desafíos do futuro e garantir que a investigación siga a ser un piar fundamental para a mellora da educación, favorecendo, á súa vez, un impacto positivo e duradeiro na sociedade”. Con esta sentencia remata o libro, que formula no seu último capítulo os retos máis inmediatos aos que se vai ter que enfrontar a investigación educativa, que hoxe se realiza dende os 46 grupos que existen nas tres universidades públicas.

Neste senso, proponse fortalecer as capacidades científicas e innovadoras mediante o desenvolvemento de estruturas de investigación que, “máis alá dos grupos, permitan crear unha ampla masa crítica a partir de alianzas estratéxicas que favorezan a abordaxe de problemas máis complexos e potencien os resultados da investigación xerando unha maior incidencia política e social”. “A radiografía a día de hoxe -advirten- é que nas Facultades de Educación os grupos carecen de espazos axeitados e instalacións específicas nos que poder desenvolver as súas tarefas de investigación”.

O compromiso coa transferencia de coñecemento é outros dos eixos salientables para os autores. “Temos que responder, co maior nivel de validez de resultados, a problemas educativos da sociedade, sendo capaces de por a disposición dos/as distintos profesionais programas, técnicas ou instrumentos de eficacia contrastada para que podan ser aplicados e, á súa vez, revisados, nunha constante retroalimentación teoría-práctica”, explican.

Boa parte das expectativas, apuntan, teñen tamén que ver co papel da Intelixencia Artificial no seu ámbito e como afecta á ética na investigación. “Asistimos á aparición dun elemento con capacidade e múltiples posibilidades para transformar o propio campo da investigación educativa e o da avaliación da súa calidade, pero tamén temos que prestar atención, por unha banda, aos desafíos ou problemas derivados dos nesgos algorítmicos que poden levar á realización de avaliacións nas que os resultados non reflexan correctamente a realidade”, advirten.

A última das cuestións sobre as que poñen o foco no informe é a formación dos investigadores e investigadoras en educación, que debe ser “sólida e en constante renovación e que necesariamente debe abarcar a dimensión ética na investigación educativa”. Este proceso, indican, debe facerse tendo presente o marco común europeo da “carreira investigadora”, mais tendo en conta que “a sostibilidade da investigación educativa aséntase, en boa medida, nos chanzos iniciais de predoc e posdoc nos que temos que asegurar a captación de talento, que debe moverse nun marco altamente competitivo, e onde os indicadores nos que nos manexamos en educación presentan, en ocasións, difícil encaixe nas convocatorias”.