Ciencias da Educación, un centro con sentido comunitario e arraigado no territorio

 A Facultade de Ciencias da Educación celebrou este venres o seu patrón, Frei Martín Sarmiento, nun concorrido acto que presentaron o vicerreitor de Transformación Dixital, Gumersindo Feijoo, e a decana do centro, Mar Lorenzo Moledo, e no que a profesora titular Elisa Jato pronunciou a conferencia ‘O desenvolvemento da carreira profesional das mulleres: unha mirada dende a educación e a orientación profesional’.

No seu discurso, a decana reivindicou a Facultade de Ciencias da Educación da USC “cunha comunidade diversa que ten no seu centro de acción o estudantado e no que a formación, a investigación e a transferencia de coñecemento toman un novo impulso cada día grazas á incorporación de novas investigadoras”. “Somos tamén un centro implicado coa nosa lingua e co noso legado cultural conscientes do noso papel de primeira orde na responsabilidade colectiva de preservación desta nosa riqueza”, dixo.

Reclamouse tamén como unha facultade cun “claro” sentido comunitario e arraigado no territorio. “A sociedade reclama, cada vez máis, unha Universidade conectada coa sociedade, por iso é preciso alentarmos proxectos que permitan o diálogo bidireccional constante coa comunidade,”, manifestou.

Premios
No transcurso do acto entregáronse os diplomas dos Premios Extraordinarios do curso académico 2023/2024 de grao a Melina Santamaría Parada e Sara Gil Viso, de Educación Social, e a Adela Quiñones Treinta e Andrea Rivas Villarquide, de Pedagoxía. Tamén se entregaron os dos mestrados  en Investigación en Educación, Diversidade Cultural e Desenvolvemento Comunitario a Inés Merayo Fernández, en Procesos de Formación a Serxio Estévez Souto, en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Linguas a Marcos Dieste Trillo, e de Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria a Ana Marino Fernández.

Do mesmo xeito, as profesoras María Teresa Sánchez Castaño e Mar Lorenzo Moledo e o profesor Carlos Macía Arce recibiron os Sarmientos de Honra.
 

Presentaron o acto o vicerreitor de Transformación Dixital, Gumersindo Feijoo, e a decana do centro, Mar Lorenzo Moledo. Foto: Santi Alvite
Presentaron o acto o vicerreitor de Transformación Dixital, Gumersindo Feijoo, e a decana do centro, Mar Lorenzo Moledo. Foto: Santi Alvite

O acto celebrouse no centro do Campus Sur. Foto: Santi Alvite
O acto celebrouse no centro do Campus Sur. Foto: Santi Alvite