Ciencias da Educación prepara docentes que aborden no futuro o auxe da desinformación sociocientífica

Santiago de Compostela

O futuro profesorado terá un reto crucial ao que facer fronte nos vindeiros anos: capacitar o seu alumnado coas competencias necesarias ante o auxe da desinformación socio-científica. Con este obxectivo no horizonte, o proxecto ‘Competencias Meta-científicas na Era da Des-información’ (SciLMi)’ aborda ao longo desta semana a formación en competencias meta-científicas como o pensamento crítico, a competencia dixital ou a alfabetización mediática. Do 9 ao 13 de xuño, ao abeiro deste proxecto Erasmus+, docentes do futuro de educación secundaria de distintas disciplinas participarán e desenvolverán diferentes actividades para  integrar no seu ensino competencias necesarias para xestionar a desinformación socio-científica mediática, como a que afecta ao cambio climático ou á emerxencia de novas enfermidades infecciosas, entre outras.

Fomentar o pensamento crítico para paliar a desinformación é un dos obxectivos deste Blended Intensive Programme (BIP), un curso híbrido que xa contou cunha fase de formación virtual e que agora desenvolve a súa etapa presencial. Este é o primeiro proxecto europeo destas características no que participa a USC, baixo a coordinación  da profesora Blanca Puig. Nesta actividade que ten lugar na sede da Facultade de Ciencias da Educación no Campus Norte, “danse cita docentes en formación de diversos países e procedentes de diferentes especialidades, o que supón un intercambio cultural moi importante”, explica a profesora Puig. As persoas participantes están a elaborar materiais de traballo relacionados coas competencias transversais que integran o proxecto e que presentarán o venres, na derradeira sesión. “A desinformación está no centro da actividade pero tamén activar propostas a prol dunha educación inclusiva”, engade a profesora Puig.  

Alén da profesora Blanca Puig, coordinadora do proxecto na USC, tamén traballa nesta iniciativa a investigadora postdoutoral Inés Martínez Pena do grupo de Investigación RODA (Razoamento, Discurso e Argumentación). Xuntas achegan os seus coñecementos e experiencia investigadora sobre o pensamento crítico na educación científica e na formación do profesorado no ensino e aprendizaxe de cuestións socio-científicas.

Docentes en activo

Ademais, do 16 ao 20 de xuño, tamén ao abeiro deste proxecto Erasmus+, na modalidade Teacher Academy, Ciencias da Educación acollerá o ‘SciLMi Critical Thinking for Effective Democratic Citizens’. Nesta ocasión, trátase dun Blended Intensive Teacher Training (BIT), unha formación híbrida destinada a profesorado de Educación Secundaria “en activo”. Esta actividade centrarase exclusivamente en fomentar as competencias asociadas ao pensamento crítico como competencia meta-científica para a abordaxe de cuestións socio-científicas nas aulas de Educación Secundaria.

Ambos os eventos facilitarán o traballo e intercambio de experiencias entre docentes de distintas ramas e disciplinas, así como de distintas institucións e centros educativos dos países europeos que participan no proxecto: Austria, Chipre, Noruega, Alemaña, Finlandia e República Checa. Nestas experiencias participarán docentes cunha dilatada experiencia na formación do profesorado. Neste proxecto colabora como asesor científico do proxecto o investigador Jonathan Osborne, chair do panel PISA 2025.  

Ademais, a fin de semana existente entre os dous cursos terá lugar a reunión anual do equipo do poxecto SciLMi para revisar os progresos realizados ata a data e determinar os seguintes pasos a dar no futuro. Tratáse dun equipo multidisciplinar que desenvolve a súa labor cunha aproximación co-construtiva, o cal enriquece e mellora a calidade dos resultados derivados do seu traballo. Esta primeira edición dos cursos servirá como piloto para futuras edicións.