Catro novas investigadoras da USC ven recoñecidas as súas traxectorias

Catro investigadoras da USC acaban de ser premiadas na primeira edición dos premios RAGC-UIE, que nacen co propósito de impulsar a investigación científica en Galicia co recoñecemento das traxectorias de investigadoras e investigadores novos que desenvolven a súa carreira en centros de Galicia. A convocatoria distingue tres ramas de coñecemento: Ciencias Básicas, Ciencias Sociais e Ciencias Técnicas.

Beatriz Pelaz e Iria Gómez, en Ciencias Básicas
Así, na de Ciencias Básicas a galardoada foi Beatriz Pelaz, profesora da Universidade de Santiago e investigadora do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), que na actualidade lidera un proxecto do Consello Europeo de Investigación. O seu traballo céntrase no desenvolvemento de nanomateriais funcionais para a súa aplicación en modelos biolóxicos, co obxectivo de crear unha nova xeración de nanomedicinas máis eficientes, “buscando sempre solucións innovadoras e cun enfoque claramente interdisciplinar” -salienta o xurado dos premios-. Tamén ten desenvolvido estudos pioneiros sobre nanomateriais biofuncionais, con impacto tanto no ámbito académico como no sector industrial.

Bolseira da Fundación Alexander von Humboldt, autora de máis dun centenar de artigos e dez capítulos de libros cun elevado impacto, é ademais autora dunha patente internacional sobre un biosensor baseado en nanopartículas metálicas. Pelaz lidera en conxunto 14 proxectos cun financiamento superior aos 3,5 millóns de euros. O xurado destaca tamén “a súa importante dedicación á divulgación científica, especialmente enfocada a remarcar o papel da muller na investigación”.

Nesta categoría tamén levou un accésit a profesora da USC Iria Gómez, directora do grupo de investigación ‘Xenomas e Inmunidade’ no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), onde dirixe unha liña de investigación altamente produtiva, converténdose nun referente da investigación biomédica. O seu laboratorio está focalizado no estudo dos mecanismos moleculares da autoinmunidade e como as moléculas pequenas  participan na alteración do funcionamento do sistema inmunolóxico, así como o seu potencial terapeútico. Entre os seus traballos, destacan os relacionados coa diabetes tipo 1, en particular un proxecto financiado cun millón de dólares pola Fundación americana para o estudo da diabetes xuvenil.

Premiouse ademais con outro accésit nesta modalidade Susana Ladra, profesora da Universidade da Coruña e membro do grupo de investigación ‘Laboratorio de Bases de Datos’.

Sara González, accésit en Ciencias Técnicas
Na modalidade de Ciencias Sociais concedeuse un accésit á enxeñeira Sara González, profesora de Enxeñaría Química na USC e investigadora do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS). As súas liñas de investigación inclúen a economía circular, o estudo das pegadas ambientais e a análise da sustentabilidade empregando a metodoloxía da análise do ciclo de vida (ACV) en sistemas industriais, agroalimentarios, urbanos e forestais, o que lle ten permitido expoñer estratexias de circularidade e deseñar biorrefinerías nestes sectores. Está incluída entre o persoal investigador máis citado segundo a lista elaborada pola Universidade de Stanford e é responsable da Axencia Estatal de Investigación para a avaliación do principio de Dano sensible ao medio ambiente.

A premiada nesta categoría foi Belén Riveiro, profesora na Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo, polo seu labor na avaliación de estruturas de enxeñaría civil para previr colapsos en pontes, estradas e vías férreas;

Cristina Gómez, en Ciencias Sociais
En Ciencias Sociais a premiada foi a profesora de Psicoloxía da USC Cristina Gómez, que desenvolve o seu labor no campo da psicoloxía política, a acción colectiva e o comportamento das persoas en contextos de crises sociais e políticas, participando no proxecto europeo Caught in the Act of Protest. Investiga ademais sobre problemas ambientais no CRETUS, onde coordina o seu programa de Mentores. Foi bolseira FPU, da Fundación Barrié e do Centro de Investigacións Sociolóxicas. Doutora en Psicoloxía Social pola USC, publicou 9 capítulos de libros e 15 artigos en prestixiosas revistas, 14 deles indexados en Scopus e en Web of Science, cun alto impacto. Realizou estadías de investigación nas universidades de Groningen (Países Baixos), Lisboa e Ámsterdam.

O accésit nesta categoría foi para Ariadna Monje (A Coruña, 1990), profesora da Universidade da Coruña.

O certame
Ao certame, que ten unha periodicidade bienal, poden presentarse persoas investigadoras que non superen os 40 anos de idade, ou os 42 no caso das mulleres que fosen nais ou das persoas con algunha discapacidade. A dotación destes premios é de 5000 euros para cada un deles, e existen tamén varios accésits. A esta primeira convocatoria presentáronse 63 propostas.