Catro grupos de investigación da USC fixéronse cun galardón dos Premios de Investigación Fundación Barrié-Real Academia Galega de Ciencias, destinados a recoñecer a mellor investigación que se desenvolve en Galicia en Ciencias Básicas, Técnicas e Sociais. Os traballos distinguidos co primeiro premio recibirán unha dotación de 5.000 euros cada un nun acto que se celebrará o 5 de febreiro no Pazo de San Roque de Santiago, coincidindo coa apertura do curso académico da RAGC. Ademais do éxito da convocatoria, cun centenar de candidaturas, o xurado destaca “o magnífico nivel de todos os traballos, todos eles publicados en revistas internacionais de alto impacto, con resultados de enorme relevancia tanto desde o punto de vista científico como pola súa contribución ao avance da ciencia en Galicia”.
Ciencias Sociais
O premio na categoría de Ciencias Sociais foi para un equipo da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, en colaboración co centro de investigación interuniversitario ECOBAS. Como sinala a súa coordinadora, Milagros Vivel, estudaron a influencia do efecto contaxio do fracaso empresarial nas micro, pequenas e medianas empresas a través dunha mostra de 3.948 hoteis.
O estudo logra identificar como a proximidade xeográfica a empresas fallidas incrementa a probabilidade de fracaso no curto prazo, pero diminúe a longo prazo, o que proporciona novas perspectivas sobre a xestión do risco empresarial. “Neste senso, e ante contextos como o acontecido polo impacto da Covid-19 ou a recente dana de Valencia, a necesidade de deseñar estratexias que mitiguen o impacto do fracaso empresarial no curto prazo, pero sen comprometer efectos de longo prazo, require un coñecemento da dinámica deste proceso”, apunta a investigadora.
Nesta categoría outorgouse un accésit a un grupo da facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC liderado por María Cadaval que ofrece unha análise innovadora sobre o impacto das políticas de consolidación fiscal nas preferencias e intención de voto da cidadanía española, nun contexto marcado polas regras fiscais europeas. Empregando unha enquisa con máis de 1.500 participantes, avanzadas técnicas econométricas e un deseño experimental, o estudo revela que a ideoloxía política condiciona as preferencias sobre as medidas fiscais (suba de impostos ou recorte de gasto), que as políticas de austeridade teñen custos electorais variables segundo a súa composición, e que as percepcións cidadás están influídas polo sesgo das fontes de información. Os achados ofrecen claves prácticas para o deseño de políticas públicas e enriquecen o debate global sobre os efectos políticos das políticas de austeridade.
Categoría de Ciencias Básicas
O premio en Ciencias Básicas recaeu nun proxecto da UVigo centrado na utilización de dióxido de carbono para a produción de produtos químicos e combustibles e así combater o cambio climático. Nesta categoría concedéronse dous accésits, os dous para a USC. Un foi para o equipo de Ashwin Woodhoo, do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC, que descubriu un novo mecanismo que revela por que en certas enfermidades se dana a capa protectora dos nervios.
Existen numerosas doenzas que implican lesións de nervios que afectan a brazos e pernas como a esclerose múltiple ou a enfermidade de Charcot-Marie-Tooth, nas que, por circunstancias de orixe ata agora descoñecida, se produce unha perda de mielina, a materia graxa que recobre as células nerviosas e que permite a correcta transmisión do impulso nervioso. Neste contexto, os investigadores acharon un mecanismo clave na súa formación, de xeito que, cando se producen nel anomalías, se desencadean problemas para camiñar, debilidade muscular ou pinzamento nas extremidades. Con este achado engádese unha nova diana para o deseño de novas estratexias terapéuticas contra estas doenzas.
Outro dos accésit foi para Fernando Adrián Fernández, da Facultade de Matemáticas da USC, que logrou establecer a relación entre diferentes tipos de ecuacións de cara a facilitar o estudo de fenómenos do mundo real como o crecemento dos animais ou a propagación e prevalencia de enfermidades infecciosas, xunto a outros problemas de diversa índole. “Construímos unha ponte entre dous tipos de problemas matemáticos, trasladando o coñecemento e as ferramentas do problema máis accesible ao máis complicado, simplificando así o estudo e comprensión de moitos fenómenos no eido da bioloxía e a epidemioloxía”, salienta.
Categoría de Ciencias Técnicas
O premio na categoría de Ciencias Técnicas foi para o grupo coordinado por Víctor Zapatero, do Vigo Quantum Communication Center e o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación Atlanttic da UVigo. Ademais, outorgouse un accésit a un equipo do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da UVigo, liderado por Antía Fernández.