A Coruña, 9 de abril de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, xunto ao director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistiron á entrega dos XXIV Premios Opinión da Música de Raíz na que levaron a cabo a entrega dun dos galardóns. A gala reuniu a artistas, colectivos e profesionais do sector para recoñecer o mellor da creación musical baseada nas raíces e na tradición galega.
Organizados polo xornal La Opinión A Coruña, estes premios levan vinte e catro anos poñendo en valor o traballo de músicos e agrupacións que revitalizan e dignifican o patrimonio musical galego. A convocatoria deste ano volve destacar pola calidade e diversidade das propostas presentadas, que abranguen desde a música puramente tradicional ata innovacións sonoras que dialogan co presente sen esquecer as orixes.
Durante a gala entregaronse galardóns en diferentes categorías, como Mellor Disco, Mellor Grupo, Mellor Artista ou Mellor Canción Orixinal, entre outras.
A entrega dos premios contou con actuacións en directo dos artistas máis relevantes do panorama musicial galego, converténdose así nunha noite única para celebrar a vitalidade, creatividade e identidade da música galega.