A Asociación de Pais e Nais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista (ASPANAES) foi merecedora do Premio Humanitas na súa convocatoria de 2024 que conceden o Consello Social da USC e a Asociación de Antigas Alumnas e Alumnos.
Con tal motivo, este mércores o reitor Antonio López entregoulle o diploma acreditativo do galardón ao presidente da entidade, Ignacio Labella Lozano, nun acto celebrado no Consello Social e que contou ademais coa asistencia da secretaria do Consello Social, Marta Villamayor; a presidenta de Alumni USC, Eva López; e o director xerente de ASPANAES, David Vieitez Solla.
O premio, dotado con 2.000 euros, recoñece accións e traxectorias desenvolvidas en Galicia por persoas físicas, xurídicas, asociacións, empresas ou fundacións que se distinguiran pola súa dedicación e implicación en actividades solidarias ou humanitarias, en beneficio da mellora da calidade de vida da colectividade. É o caso de Aspanaes, a quen o xurado lle concedeu de maneira unánime o premio “polo traballo que realiza en prol da integración e mellora da calidade de vida, non só das persoas usuarias diagnosticadas de Trastorno do Espectro Autista, senón en xeral, da súa contorna familiar e social”.
O xurado da edición de 2024 estivo formado polo reitor da USC, as presidentas de Alumni e Consello Social, Eva López e Cecilia Sierra, respectivamente, así como por José Villarnovo Faraldo, vogal por parte do Consello Social, e María Teresa Bouzada Gil por parte de Alumni, que actuou como secretaria.
O Premio Humanitas enmárcase no compromiso do Consello Social da USC e de Alumni de achegar a realidade social á Universidade ao tempo que se establece unha colaboración co obxectivo de axudar a crear unha rede forte de antigos alumnos e alumnas que favoreza o desenvolvemento do orgullo de pertenza á USC.