As XI Xornadas de Educación para a Cidadanía Global céntranse na educación en situacións de emerxencias

A educación é un dereito humano fundamental que permite o desenvolvemento individual e colectivo para construír sociedades que promovan a convivencia pacífica e as oportunidades de vida digna. A Axenda 2030 lígase a el en varios dos seus Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Así, o ODS 4 subliña a educación equitativa, inclusiva e de calidade; o ODS 16 destaca a importancia de crear sociedades pacíficas e inclusivas; o ODS 11 procura cidades seguras e sustentables; e o ODS 5 faise máis necesario que nunca pola desigualdade de acceso á educación en situacións de emerxencia, especialmente para as nenas e as mulleres.

Estímase que 234 millóns de nenas, nenos e adolescentes en todo o mundo sofren as consecuencias dos conflitos bélicos, o cambio climático, os desprazamentos forzosos e as crises prolongadas, o que implica a vulneración do seu dereito á educación. A isto deben agregarse 43,4 millóns de cativas e cativos que tiveron que fuxir dos seus fogares pola forza. Por estas circunstancias, en moitos casos non poden ir á escola, interrompendo os seus procesos educativos e imposibilitando que cumpra a súa función como elemento de paz e protección fronte ás consecuencias e impactos directos de situacións de novas crises e emerxencias na infancia.

E é precisamente esa educación en emerxencias a que centra as XI Xornadas de Educación para a Cidadanía Global que se desenvolven esta semana en Compostela. Para as organizadoras deste encontro, “a educación en emerxencias é un dereito que debe estar en todas as axendas políticas cando se vai actuar en contextos humanitarios e de emerxencia”.

Obradoiros liderados polo estudantado
As xornadas desenvólvense en formato mixto (presencial e virtual) entre o 5 e o 9 de maio na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur. Entre o luns e o xoves desenvolveranse ata 10 obradoiros presenciais liderados por estudantado do 1º curso do Grao en Educación Social e do 1º e do 3º curso do Grao en Pedagoxía.

Cada un dos grupos formouse e deseñou unha intervención educativa ao longo do semestre para as xornadas e para diferentes centros educativos, no marco de 2 proxectos da man de varias ONGD e financiadas por Cooperación Galega na convocatoria de Educación para a Cidadanía Global do ano 2024. Por unha banda, a Campaña Mundial pola Educación, composta por Ayuda en Acción, Educo, Entreculturas, Taller de Solidaridad, e, por outra, o proxecto ‘ODiSeIA, tecnoloxía contra o odio e a discriminación’, liderado por Ecos do Sur. En ambos casos, coa co participación do Grupo de Investigación Terceira Xeración da USC.

Xornada aberta do venres 9
O venres 9 desenvolverase unha sesión plenaria en liña (para a que aínda é posible inscribirse), que abrirá María Civit, especialista en Acción Humanitaria e Educación en Emerxencia da Fundación Educo. A continuación, cinco entidades que traballan no territorio galego e internacional dende o enfoque da Educación para a Cidadanía Global, achegarán proxectos que están a desenvolver, como a Campaña Mundial pola Educación (CME), a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO), Solidariedade Internacional de Galicia (SIG), Ayuda en Acción e Ecos do Sur. Todas forman parte da Coordinadora Galega de ONGD e, entre outras accións, están especializadas en proxectos de sensibilización e educación, constituíndo un ámbito de desempeño profesional das futuras e futuros profesionais da educación.