Lugo,
Santiago de Compostela
Representantes das tres universidades públicas do Sistema Universitario Galego (SUG) e das catro principais organizacións sindicais con representación no SUG acaban de asinar un acordo para o inicio do proceso de negociación do terceiro convenio colectivo do profesorado laboral das universidades galegas.
A negociación comezará coa constitución a finais de febreiro dunha mesa paritaria que conformarán 15 representantes por parte das universidades (cinco por cada unha das universidades públicas) e outros 15 por parte de CIG, CCOO, UGT e CSIF, en función do seu número de representantes nos órganos de representación.
Nun encontro celebrado na USC, universidades públicas galegas e organizacións sindicais acordaron igualmente a actualización transitoria do actual convenio colectivo do profesorado laboral -o segundo do SUG, asinado en 2011- aos distintos cambios normativos producidos nos últimos anos en material laboral e, particularmente, á Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU). Ademais, neste senso, tamén se acordou recuperar a cláusula de xubilación forzosa que existía neste segundo convenio colectivo e que quedou sen efecto en 2015 por unha modificación do Estatuto dos Traballadores.