A Universidade de Santiago de Compostela súmase ao manifesto co que a Conferencia de Reitores e Reitoras das Universidades Españolas (CRUE) conmemora o Día Europeo das Vítimas do Terrorismo. “Hoxe máis que nunca, as universidades teñen a responsabilidade de ser axentes activos na construción dunha sociedade baseada nos valores democráticos, a paz e a tolerancia” e por iso “nesta data reflexionamos sobre a importancia da educación na promoción dunha cultura de paz, xustiza e respecto, pilares fundamentais para erradicar calquera forma de violencia e extremismo que ameace a nosa convivencia”, advirten.
A CRUE forma parte da Plataforma Pacto de Convivencia, que traballa para consensuar propostas para o afortalamento como sociedade civil en termos de convivencia, e é precisamente no seno desta plataforma que se elaborou o documento Universidades Restaurativas. Guía básica para su desarrollo en España, cuxo obxecto é impulsar a cultura restaurativa dentro das universidades españolas no marco da toma de decisións que esixe o cumprimento da Lei de Convivencia Universitaria.