Lugo,
Santiago de Compostela
As tres universidades públicas galegas e a Xunta de Galicia, xunto co consorcio Axencia para a Calidade do SUG, desenvolverán un plan de mellora do ensino universitario de Enfermaría. O acordo, que acaban de formalizar coa sinatura dun protocolo xeral, considera de interese xeral para Galicia o establecemento dun plan de mellora da docencia no Grao de Enfermaría que permita axustarse aos obxectivos de calidade, eficiencia na xestión e atención á poboación galega, así como permitir a mellora da actividade investigadora desenvolvida polas institucións universitarias neste eido.
O Grao en Enfermaría impártese na actualidade en oito centros de diversa titularidade,
estando presente nos sete campus universitarios públicos de Galicia. Estes estudos teñen na actualidade unha importante demanda de alumnado, contan cunha nota de corte alta para o acceso aos estudos deste grao e presentan un alto nivel de empregabilidade para as súas egresados/as. Por iso a demanda de persoal seguirá sendo alta nun sistema sanitario no que o papel da enfermería é esencial para garantir unha atención integral e humanizada que responda ás necesidades específicas de cada individuo.
Para esa mellora da docencia, as entidades implicadas poñerán en marcha no seu respectivo ámbito os procedementos para a integración, como propios, dos centros de distinta titularidade nos que actualmente se imparte a titulación de Grao en Enfermaría na universidade pertinente. Ademais, comprométense a incrementar de maneira paulatina a oferta global de prazas de novo ingreso no Grao de Enfermaría.