Arredor de 600 estudantes preuniversitarios coñecen de primeira man o campus de Ourense

Este luns e martes arredor de 600 estudantes preuniversitarios de nove centros educativos galegos participan na xornada Coñece o campus de Ourense. Nela teñen a oportunidade de, ao longo dunha mañá, facer “vida universitaria”, coñecendo de primeira man os seus centros e instalacións e as titulacións que neles se imparten. A actividade dá continuidade a outra similar celebrada a mediados de xaneiro e nas que estiveron outros 900 alumnos e alumnas de Bacharelato.

A xornada está organizada pola Vicerreitoría do Campus de Ourense co apoio da Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade da Universidade de Vigo. A súa programación arrancou cunha benvida conxunta no edificio Politécnico e continuou cunha visita guiada ás diferentes escolas e facultades. Na benvida, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, agradeceu ao alumnado, profesorado e centros educativos asistentes a boa acollida que deron a esta iniciativa. Nas súas palabras destacou que estas xornadas non só atraen centros educativos de Ourense senón tamén doutras provincias galegas, pondo en valor o interese que suscita este campus e as súas titulacións alén da súa contorna máis próxima. O vicerreitor animou ao alumnado presente a aproveitar esta actividade para ver e valorar as oportunidades que lles ofrece este campus de cara ao seu futuro académico, subliñando cuestións como os altos índices de empregabilidade das súas carreiras.

Na xornada deste luns participaron o IES  Ramón Mª Aller Ulloa (Lalín); o IES Julio Prieto Nespereira (Ourense); o Colexio San José (A Guarda) e o IES Ramón Otero Pedrayo (Ourense). O martes será a quenda do IES Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras); o CPR Plurilingüe María Auxiliadora (Ourense); o IES Lama das Quendas (Chantada); o IES Nº 1 (O Carballiño) e o CPR Plurilingüe Miraflores (O Pereiro de Aguiar). Ao longo da mañá rapaces e rapazas realizaron visitas guiadas ás diferentes escolas e facultades do campus, tendo o alumnado que escoller entre realizar un itinerario polas titulacións do ámbito xurídico-social, humanidades e artes ou polas do eido de ciencias e enxeñaría, segundo a modalidade de Bacharelato que están cursando.

Da docencia á investigación

Rapazas e rapaces percorreron ao longo da mañá os edificios universitarios, coñecendo desde as súas aulas e laboratorios ata museos que albergan, da man de membros dos equipos decanais e directivos, que foron explicándolles todo tipo de cuestións referidas ás súas titulacións, actividades e saídas profesionais. Igualmente, en diferentes laboratorios as e os estudantes achegáronse ao traballo investigador que se realiza nas facultades e escolas ourensás, especialmente no caso da Facultade de Ciencias pero tamén en eidos como o espacial, a arqueoloxía e a intelixencia artificial. No seu percorrido tamén tiveron a oportunidade de coñecer o Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia, e instalacións universitarias comúns, facendo ademais algunha parada activa para repoñer forzas.

Na actualidade, nas nove escolas e facultades do campus de Ourense impártense 16 títulos de grao, tres programas conxuntos de dobres graos, 15 mestrados e sete programas de doutoramento, superando a cifra de 5000 estudantes. Este luns, o itinerario do ámbito xurídico-social, humanidades e artes permitiulle ao alumnado preuniversitario coñecer as facultades de Educación e Traballo Social; Historia; Ciencias Empresariais e Turismo; Dereito e Relacións Internacionais. O itinerario de ciencias e enxeñaría levounos á Escola Superior de Enxeñaría Informática; á Facultade de Ciencias; á Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e á Escola Universitaria de Enfermaría.

A programación repetirase este martes. Entre as xornadas  que se celebran esta semana e as de mediados de xaneiro, apuntou Francisco Javier Rodríguez, serán máis de 1500 as e os preuniversitarios que no que vai de ano se achegaron a coñecer o campus de Ourense. «Sempre saen moi contentos desta actividade, para rapazas e rapaces é un día diferente, no que entran na universidade, nas súas aulas, nos seus laboratorios, e poden facerse unha idea do que van a atopar se deciden estudar unha carreira», sinalou o responsable académico.