Arranca o programa ‘Unha enxeñeira ou científica en cada cole’

Santiago de Compostela

O programa ‘Unha enxeñeira ou científica en cada cole’ organizado pola Oficina de Igualdade de Xénero da USC en colaboración co Concello de Santiago arrancou este xoves a súa décima edición no compostelán CEIP Plurilingüe Mestre Rodríguez Xixirei. Alí tivo lugar o obradoiro ‘Física Divertida’ que impartiron as profesoras e investigadoras da Área de Física Aplicada da USC María José Pérez Comuñas, María Jesús García Guimarey e Encina Calvo Iglesias

O programa ten como finalidade visibilizar as enxeñeiras e científicas para crear referentes femininos e incentivar a presenza de rapazas en carreiras relacionadas coas disciplinas coñecidas como STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), coa realización de obradoiros didácticos destinados ao alumnado de 4º de primaria en colexios públicos do concello.

Nesta décima edición están previstos 15 obradoiros nos que participarán nenas e nenos de cuarto curso de Primaria dos colexios públicos de Santiago Mestre Rodríguez Xixirei, Cardeal Quiroga Palacios, Pío XII, Vite, López Ferreiro, Lamas de Abade e Roxos. Todos eles están coordinados por Encina Calvo Iglesias e impartidos por profesoras investigadoras da USC de diferentes áreas (Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial, Electrónica e Computación, Enxeñería Química, Física Aplicada, Química Inorgánica, Química Orgánica, Química Analítica, Óptica), técnicas superiores de apoio á investigación do CiQUS e investigadoras do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

Colexios públicos composteláns
O seguinte centro educativo en participar neste programa será o Pío XII o 17 de febreiro, co obradoiro ‘Xogando coa luz’ das profesoras e investigadoras da área de Óptica Carmen Bao Varela, Mª Teresa Flores Arias e Ana Isabel Gómez Varela. O día seguinte terá lugar ‘Será ou non será? Xogando coa probabilidade’, impartido pola profesora e investigadora Rosa Crujeiras da Área de Estatística e Investigación Operativa da USC e directora científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA).

Tamén en febreiro serán as sesións do CEIP de Roxos, con ‘Química ao noso redor’ impartido o día 19 polas profesoras e investigadoras Mercedes Torneiro Abuín e María Tomás Gamasa da Área de Química Orgánica e ‘Lume no Monte’ da profesora e investigadora Otilia Reyes Ferreira, do Departamento de Ecoloxía da USC, coas alumnas Laura Mareque Liste, Paula López González e María Bouso Posada o día 26.

O Quiroga Palacios contará os días 25 e 26 cos obradoiros ‘Só facemos química cando imos ao laboratorio?’ das profesoras Mª Raquel Domínguez González do Departamento de Química Analítica e Ana Mª García Deibe do Departamento de Química Inorgánica e ‘Informática visual aplicada á bioloxía’ da profesora Eva García Cernadas área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da USC e investigadora do CITIUS, e a alumna Clara Álvarez. O 27 acollerá ‘Xogando con modelos matemáticos’, impartido pola profesora María del Pilar Salgado Rodríguez da área de Matemática Aplicada.

‘A maxia da Química’, impartido pola profesora Mª Dolores Pérez do Departamento de Química Orgánica e directora adxunta do CiQUS coas técnicas superiores de apoio á investigación Laura Acevedo e Noela Torrente do CiQUS, será o obradoiro do día 26 no colexio de Vite.

Mes de marzo
No CEIP de Prácticas López Ferreiro terán lugar tres obradoiros o 20 de marzo: ‘Luz, cor e sombra’, impartido polas profesoras da Área de Óptica María Elena López Lago e María Dolores Mouriz Cereijo; ‘Mosaicos, grupos e baldosas: como deseñar o chan máis bonito do mundo’, a cargo da profesora Ana Belén Rodríguez Raposo da Área de Didáctica da Matemática; e ‘Facendo economía rosquilla’, de Eva Aguayo Lorenzo, da área de Economía Cuantitativa.

Tamén o 20 de marzo no Ceip Lamas de Abade serán os obradoiros ‘Falando cos superordenadores’ das investigadoras do CESGA Cecilia Grela Llerena, María José Rodríguez Malmierca, Lorena Fernandez Fernandez, Irais Bautista Guzmán, Mariamo Mussa e Ana María Labrador García;  e ‘Química Divertida’, impartido pola profesora Magdalena Cid Fernández, da área de Química Orgánica da USC. Xa o 24 será a quenda de ‘Exploramos para que non nos conten trolas?’ impartido pola profesora Paula Saavedra Nieves, do Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da USC.