Lugo, 5 de xuño de 2025
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo unha reunión de traballo con representantes do club feminino de ciclismo Atlántigas, que traballa xa na organización da primeira Marcha BTT A Ribeira que se celebrará o 14 de setembro no concello do Páramo.
A xuntanza, na que estiveron a presidenta da entidade, Mar Arias, e a paramesa Alba María Rivera, tamén socia e impulsora do evento, serviu para coñecer os detalles desta proba deportiva e para avaliar posibles vías de colaboración.
A marcha de cicloturismo será mixta e non competitiva, aberta a todas as persoas interesadas, con saída e meta en San Mamede da Ribeira. Ofertan un total de 150 prazas e xa está aberto o prazo de inscrición. A proba inclúe tres opcións de percorrido: unha alternativa de 37 quilómetros de lonxitude con dificultade técnica baixa, unha longa de 50 quilómetros de dificultade media, e un circuíto Mini BTT para os nenos e nenas.
Atlántigas CD defínese como o primeiro club ciclista feminino de Galicia, fundado e dirixido por mulleres desde o ano 2019. Conta con grupos locais nas provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra, e o seu obxectivo é fomentar a práctica deste deporte, especialmente entre as mulleres.