Lugo, 3 de xuño de 2025
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asistiu hoxe ao sexto encontro dos ‘Desayunos con Carmen’, unha iniciativa promovida polo Grupo Lence para achegar ao sector produtivo lucense ideas e iniciativas en ámbitos como o emprendemento, a innovación ou o liderado empresarial.
O convidado deste sexto encontro, que levaba por título ‘A estratexia son as persoas’, foi Xavier Marcet, consultor en estratexia, innovación e transformación de empresas cunha alta actividade internacional. Marcet abordou coa presidenta do Grupo Lence, Carmen Lence, cuestións como a xestión empresarial responsable e moderna, a adaptación ao cambio ou as claves do liderado dunhas compañías fronte a outras.
Arias destacou a relevancia deste tipo de encontros “que son unha excelente oportunidade para inspirarse con persoas referentes e para facer medrar a nosa contorna económica e social con novas ideas e visións”.