Lugo, 10 de xuño de 2025
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, felicitou aos estudantes cos mellores expedientes dos ciclos superiores de FP recoñecidos hoxe pola USC no marco do programa A ponte entre o ensino medio e a USC. O acto desenvolveuse na Facultade de Veterinaria de Lugo. Arias gabou o “traballo realizado por estes alumnos e alumnas, que ademais son unha mostra de que a FP galega está de moda e constitúe un bo camiño para lograr o éxito profesional”.
O delegado afirmou que “a aposta da Xunta por esta modalidade educativa alcanzará o próximo ano unhas cifras sen precedentes”, con 49.164 prazas de novo ingreso, incluíndo 40 novas titulacións -entre ciclos, másteres, títulos de alta especialización, as formacións aceleradas e programas formativos-.
No que respecta á provincia lucense, para o curso 2025/26 contará con 6.776 prazas. A oferta inclúe un ciclo e tres másteres que se imparten en Galicia por primeira vez: o Ciclo de Grao Superior de Deseño e produción de calzado e complementos no IES A Pinguela de Monforte de Lemos; e os másteres de Comercio electrónico (CIFP As Mercedes); Desenvolvemento de aplicacións en linguaxe Python (IES Muralla Romana) e Tecnoloxía e xestión queixeira (CIFP Politécnico), os tres na cidade de Lugo.
Formacións aceleradas
O delegado referiuse ás principais novidades do vindeiro curso, entre as que destacan as denominadas formacións aceleradas, unha nova vía que dará máis oportunidades ás persoas para mellorar a súa cualificación e abrirse portas ao mercado laboral en sectores clave nos que existe unha alta demanda especializada.
Esta modalidade durará entre catro e seis meses, que poderán ser de setembro a xaneiro ou de xaneiro a xuño. O alumnado optará a unha certificación profesional que poderá convalidar para obter no futuro un título formativo.
Na provincia ofértanse tres titulacións, dúas no CIFP As Mercedes de Lugo e unha no CIFP Porta da Auga de Ribadeo. O primeiro impartirá os graos medios de Mantemento do motor de combustión interna e sistemas auxiliares de vehículos automóbiles; e de Preparación, protección e embelecemento de superficies de carrozarías. Este último implántase tamén no instituto ribadense.