Arias acompaña á asociación de veciños da Piringalla nos preparativos da festa do Becerro ao Espeto

Lugo, 23 de xuño de 2025

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, acompañou hoxe aos membros da asociación de veciños San Isidro da Piringalla, en Lugo, nos últimos preparativos da XXIV edición do Lumenovo do barrio, que se celebrará esta noite e que inclúe a tradicional festa do Becerro ao Espeto.

O festexo comezará ás 18.00 horas cunha sesión de zumba infantil, seguida da degustación do becerro ás 20.30 horas. Ás 22.00 horas actuará a orquestra Solara e á medianoite acenderase a fogueira de San Xoán.

Arias lembrou que a Xunta renova este ano o seu apoio a este evento, “que en cada edición reúne a máis xente para desfrutar deste auténtico manxar con Indicación Xeográfica Protexida”. Puxo ademais en valor o traballo e a implicación do colectivo veciñal, presidido por Ricardo Varela, “organizando actividades coma esta festa do Becerro ao Espeto que contribúen a dinamizar a vida social e a economía do barrio e do municipio”.

O delegado aproveitou ademais para facer un chamamento á responsabilidade de toda a cidadanía co fin de desfrutar da noite de San Xoán dun xeito sostible e respectuoso co medio ambiente.

Deja un comentario