Acceso á carreira docente, estabilización e promoción son as tres accións prioritarias desenvolvidas pola USC nos últimos anos en xestión do Persoal Docente e Investigador (PDI) para facer fronte a un dobre cometido: facilitar o acceso de novo persoal e atender a remuda xeracional e as necesidades derivadas do aumento de xubilacións. Así, o Consello de Goberno acaba de aprobar o conxunto de actuacións a desenvolver no exercicio 2025 en materia de planificación do profesorado, unha proposta previamente negociada e acordada coa representación sindical na Mesa de PDI e informada favorablemente pola Comisión de Organización Académica e Profesorado.
Cun escenario previsto de baixas de profesorado de como mínimo 41, a USC afronta a súa planificación de PDI para 2025 apoiándose no esforzo económico en contención do gasto corrente realizado nos últimos anos, o que permite executar as actuacións previstas.
Na liña de incentivar a incorporación de novo profesorado, a proposta aprobada implica a creación dun mínimo de 34 prazas de axudante doutor, cinco de profesorado asociado, unha de profesorado permanente laboral, dez de profesorado asociado de Ciencias da Saúde e outras sete de profesorado con vinculación asistencial.
Xa co obxecto de avanzar na estabilización de persoal en categorías con vinculación permanente, prevese a creación de 59 prazas que posibiliten a estabilización de profesorado que actualmente ocupa prazas na categoría de axudante doutor. Neste mesmo senso, tamén está prevista a creación doutras 13 para a estabilización de persoal investigador Ramón y Cajal e doutros programas homólogos. Finalmente, no ámbito da promoción crearanse 57 prazas de profesorado titular e 48 de acceso a cátedra.
En materia de persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS), o Consello de Goberno aprobou a Oferta de Emprego Público para 2025, negociada e acordada coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Persoal de Administración e Servizos, que recolle un total de 96 prazas, 47 delas de acceso libre. Ademais, acordouse modificar tres artigos do acordo sobre a implantación da xornada de traballo de 35 horas e a flexibilidade horaria para o PTXAS co obxecto de promover e facilitar unha maior e mellor conciliación do seu persoal.
O período lectivo do curso 25/26 iniciarase o 8 de setembro
As clases do curso 2025/2026 na USC arrancarán o 8 de setembro e rematarán o 15 de maio, tal e como quedou aprobado este martes polo Consello de Goberno da USC. Terán consideración de non lectivos os períodos comprendidos entre o 20 de decembro de 2025 e o 7 de xaneiro de 2026, os días 16 e 17 de febreiro, e dende o 30 de marzo ao 3 de abril de 2026, ademais do mes de agosto.
Deste xeito, con carácter xeral, o primeiro semestre estenderase ata o 19 de decembro de 2025 -con apertura de actas do 15 de decembro ao 5 de febreiro- e o segundo do 27 de xaneiro ao 15 de maio, con apertura de actas neste último ata o 17 de xuño.
Polo que respecta aos períodos de celebración de probas finais de avaliación, cada centro fixará o calendario en función das súas circunstancias dentro do período de apertura de actas e respectando o prazo de revisión das cualificacións provisionais. Estas probas deberán realizarse una vez rematado o período lectivo correspondente.
Creación do iLTIUS
O Consello de Goberno deu ademais o seu visto bo á creación do Instituto de Investigacións Lingüísticas e Literarias (iLTIUS) da USC e o seu regulamento de réxime interno. Este instituto nace co obxectivo estratéxico de abordar, desde unha perspectiva plurilingüe, o complexo contexto histórico e socio-cultural no que se desenvolveron e transmitiron as linguas e os seus textos, orais e escritos, como patrimonio que debe ser transferido á sociedade actual para que, a través do coñecemento dos valores culturais do pasado, reafirme a súa propia identidade.
A investigación nos ámbitos lingüístico e literario conta cunha traxectoria consolidada na USC. A creación deste novo instituto pretende, xa que logo, optimizar as destacadas traxectorias dos máis de 60 membros do PDI que mostraron o seu interese en vincularse a el e que constitúen un elenco de especialistas en investigación básica e aplicada á lingua e a literatura, con experiencia acreditada no estudo de distintas linguas e tradicións literarias e culturais antigas e modernas, e en actividades de transferencia á sociedade.
Regulamentos e colaboracións
Na mesma sesión deuse conta dos novos regulamentos dos servizos de Doazón de Corpos e de Optometría. O primeiro ten como cometido fundamental a xestión integral dos procesos relacionados coas doazóns de corpos realizadas á USC para docencia e investigación, mentres que o segundo se establece para regular o funcionamento dunha unidade especializada encargada da actividade clínica de Optometría.
Autorizouse así mesmo a creación dunha Unidade Asociada entre o Consello Superior de Investigacións Científicas e a Universidade de Santiago, concretamente entre o PREBIOIN do Instituto de Investigación en Ciencias da Alimentación do CSIC e o Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control de Alimentos (LHICA) da USC. Do mesmo xeito, renóvase a Unidade Asociada CROPQUALITY entre o CSIC e os grupos Proxectos e planificación, Biotecnoloxía, Biotecnoloxía ambiental e Algoritmos e modelización xeoespacial.
Outros asuntos
A adscrición de Martín Fañanás e María del Carmen Giménez como persoal investigador distinguido á USC -concretamente ao CiQUS- no marco de Oportunius, a oferta de prazas no curso ponte do Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras ou o logo corporativo do Instituto de Investigación en Humanidades foron outras cuestións debatidas na sesión, na que ademais se someteron a aprobación varios regulamentos de fin de estudos, a modificación do plan de estudos do Diploma Senior de Lugo, memorias de estudos propios e as tarifas da Escola Infantil Breogán.