Ribadavia (Ourense), 29 de maio de 2025
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a exposición Territorios en tránsito: Afluencias e influencias, que presenta no Museo Etnolóxico de Ribadavia, ata o 28 de setembro, o traballo máis recente do artista visual galego Jesús Madriñán en diálogo cunha selección de imaxes dos fondos do propio centro museístico.
Así, o proxecto explora os movementos de poboación e as transformacións que producen no territorio a partir da serie fotográfica do artista titulada Lanzarote, que se relaciona cos cambios sociodemográficos en Galicia. Neste senso, o representante da Xunta fixo fincapé no papel dos museos “como impulsores do pensamento crítico a través de propostas como esta, que convidan a reflexionar sobre as distintas realidades da sociedade en contextos pasados e presentes”.
Ademais, tamén destacou que a mostra “máis alá de propoñer unha conversa entre diferentes lugares, épocas e enfoques, tamén incide sobre a relación entre a fotografía artística e documental”. Deste xeito, a exposición pon en valor, a través de 45 pezas, esta diversidade de miradas e convida a explorar o papel da fotografía como vehículo de memoria e ferramenta para interpretar o presente.
Os retratos de Madriñán presentan figuras illadas do seu contexto, reivindicando a súa individualidade e subliñando as similitudes entre aqueles que chegan a un territorio por motivos moi distintos. Pola súa banda, o Museo Etnolóxico selecciona do seu amplo arquivo fotográfico imaxes que amosan rostros da emigración enviados e recibidos, así como a progresiva consolidación de Galicia como emisora e receptora de viaxes de lecer. Fotografías de estudo, documentos de identificación ou imaxes de medios de transporte funcionan como testemuños que representan as traxectorias vitais de milleiros de persoas, ofrecendo unha perspectiva histórica sobre as mesmas cuestións que Madriñán aborda dende a contemporaneidade.
Sobre o artista
Jesús Madriñán (Santiago de Compostela, 1984) utiliza a fotografía analóxica de gran formato para reinterpretar e actualizar o retrato como xénero artístico. A súa produción nace da subversión da fotografía de estudo, superando os seus parámetros habituais para nutrirse da paradoxa derivada de empregar técnicas tradicionais en situacións espontáneas. A súa traxectoria conta con numerosas exposicións individuais, entre as que destaca I Am Light, no Centro Galego de Arte Contemporánea no 2019.