Santiago de Compostela
O profesor da Facultade de Farmacia Álvaro Goyanes é o único investigador da USC recollido no Highly Cited Researchers 2024. A máis recente listaxe que elabora anualmente o grupo Web of Science recoñece o persoal investigador que demostrou un influxo significativo a través da publicación de múltiples artigos, altamente citados, na última década. A listaxe deste ano rexistra máis de 6.500 persoas de 59 países ou rexións. Na análise 2024 do Highly Cited Researchers, os artigos tomados en consideración foron os publicados e citados entre 2013 e 2023 e que lograron situarse no 1% dos máis citados dentro do seu eido.
Álvaro Goyanes traballa no ámbito da impresión 3D de medicamentos con doses personalizadas e é co-fundador e anterior CEO da start up FABRX, a primeira compañía dedicada á impresión 3D de medicamentos personalizados. Tamén é co-fundador de FABRX Artificial Intelligence, empresa galega dedicada ao uso da intelixencia artificial no desenvolvemento de medicamentos.
Publicou máis de 90 artigos e é un recoñecido experto mundial neste tipo de impresión con máis de 200 comunicacións en conferencias internacionais. Goyanes foi un dos primeiros investigadores en avaliar as oportunidades da impresión 3D utilizando novas tecnoloxías para fabricar formas de dosificación oral. Alén de impartir clase na USC, Goyanes é profesor honorario na School of Pharmacy da University College London no Reino Unido.