O reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, trasladáronse este mércores a Madrid para participar no acto de presentación do programa de actividades que Alumni USC vai desenvolver na Casa de Galicia en Madrid, que dirixe Luis E. Ramos.
Nese acto, a presidenta de Alumni USC, Eva López Barrio, moderou unha conversa sobre a orixe da Asociación do Antigo Alumnado, Amigas e Amigos da Universidade de Santiago de Compostela, a razón da súa creación, os seus grandes fitos e a súa proxección de futuro. No debate participaron a directora xeral do IGAPE da Xunta de Galicia, Covadonga Toca Carús; e os ex reitores da USC Juan J. Casares Long -primeiro presidente de Alumni USC- e Darío Villanueva Prieto.
O evento, que contou coa participación dun cento de persoas, rematou coa intervención de Isabel López-Rivadulla, alumni da USC afincada en Madrid, que presentou as propostas do futuro para a asociación na capital do Estado.

