“Se queremos cumprir hoxe os nosos obxectivos comúns de desenvolvemento necesitamos comezar unha nova transformación global, unha que conserve e restaure a biodiversidade do noso planeta en lugar de esgotala, ao tempo que nos permita prosperar de forma equitativa e xusta”. Así de contundente se manifestaba en Namibia o profesor e investigador da USC Sebastián Villasante, director de EqualSea Lab e investigador distinguido de GAIN en CRETUS, no marco do plenario da Plataforma Intergubernamental Científico-Normativa sobre Diversidade Biolóxica e Servizos dos Ecosistemas (IPBES) que onte aprobaba o seu Informe sobre Cambios Transformadores.
Resultado de tres anos de traballo dun centenar de persoas expertas de todo o mundo -entre elas Villasante-, o informe aprobárono este mércores 147 países logo de sete días de intensas negociacións. Nel acórdanse as opcións que existen para impedir que se desencadee o declive potencialmente irreversible das funcións clave dos ecosistemas que farían moi difícil vida na Terra.
Estratexias de acción contra os obstáculos
Segundo pon de relevo o documento, “actuar agora é urxente, difícil de levar a cabo pero afortunadamente posible e mesmo suporía un enorme beneficio económico podéndose xerar ata 10 billóns de dólares anuais en oportunidades de negocio e 395 millóns de empregos para 2030”. Mais para o persoal científico que traballou no proxecto, son precisos “cambios transformadores” que implican en última instancia un cambio de mentalidade na forma en que as persoas ven e interactúan coa natureza.
O informe identifica cinco barreiras globais que impiden alcanzar o cambio transformador: as relaciones de dominación sobre a natureza e as persoas, especialmente as que xurdiron e se propagaron nas épocas coloniais e que persisten no tempo; as desigualdades económicas e políticas; as políticas inadecuadas e as institucións inadaptadas; as pautas de consumo e produción insostibles, incluídos os hábitos e prácticas individuais; e o acceso limitado a tecnoloxías limpas e a descoordinación dos sistemas de coñecemento e innovación.
Pero á vez que determinaron os obstáculos, tamén propoñen estratexias de acción como por exemplo conservar, restaurar e rexenerar lugares de valor para as persoas e a natureza que exemplifiquen a diversidade biocultural ou transformar os sistemas de gobernanza para que sexan inclusivos, responsables e adaptables.
Transformación dos sistemas económicos
Outra das estratexias propostas ten que ver coa transformación dos sistemas económicos para a natureza e a equidade. As persoas expertas calculan que as subvencións públicas globais aos sectores que impulsan o deterioro da natureza oscilaron entre 1,4 e 3,3 billóns por ano en 2022, e o financiamento público total para axudas ambientalmente prexudiciais aumentou un 55 % desde 2021. Estímase que entre 722 mil e 967 mil millóns por ano son necesarios para xestionar a biodiversidade de maneira sostible, pero actualmente só se invisten 135 mil.
Para rachar con esta situación, o profesor Villasante propón internalizar os costos ambientais e utilizar a contabilidade de custes reais, reformar as subvencións nos sectores que contribúen á perda de biodiversidade e o deterioro da natureza, reconsiderar as débedas globais, un maior compromiso positivo do sector privado, establecer a sostibilidade como un principio fiscal central e redefinir os obxectivos, métricas e indicadores para recoñecer as dimensións sociais, económicas e ambientais, así como os diferentes valores da natureza. Engade o investigador da USC que “numerosos sistemas de coñecemento, incluído o coñecemento indíxena e local, ofrecen perspectivas complementarias sobre como se produce e como promover, acelerar e navegar o cambio transformador necesario para un mundo xusto e sostible”.
Para chegar a estas conclusións, os autores e autoras crearon e analizaron bases de datos con miles de estudos de casos de iniciativas de todo o mundo con potencial transformador. A súa análise mostra que os resultados positivos derivados das iniciativas en marcha en diferentes sectores como a pesca ou a agricultura, para diversos indicadores tanto económicos como ambientais, poden producirse nunha década ou menos.