Abre a convocatoria do Premio extraordinario de doutoramento 2023-24 da USC

A Universidade de Santiago acaba de abrir a súa Convocatoria de Premio extraordinario de doutoramento 2023-2024, á que poden concorrer aquelas teses defendidas na USC entre o 1 de setembro de 2023 e o 31 de agosto do 2024 que cumpran cos requisitos establecidos.

As teses candidatas están listadas no Anexo II da Convocatoria, contra a que se pode alegar ata o 16 de xuño. Corrixida a listaxe, de ser o caso, habilitarase un prazo de dez días hábiles para presentar as solicitudes a premio que comezará o 20 de xuño.

As persoas solicitantes poderán optar ao Premio Extraordinario de Doutoramento nunha das catro grandes áreas de coñecemento: Ciencias e Enxeñarías, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Artes e Humanidades, e o número de premios a conceder nesta convocatoria é de 31.

Para poder concorrer a esta convocatoria é preciso que a tese fose cualificada polo tribunal como ‘sobresaínte’, que se lle outorgase a mención Cum Laude e que a suma da puntuación nos informes confidenciais dos membros do tribunal, dividida entre o número de membros do tribunal que asistiron ao acto de defensa, e multiplicando esta por 4, sexa igual ou superior a 12 puntos.