Aberto o prazo para participar no programa de aceleración para proxectos de economía social

Lugo,
Santiago de Compostela

Comprometida co fomento do emprendemento e a innovación social, a USC lanza a convocatoria de ES-Factory USC-Impulsa, un programa de aceleración dirixido a proxectos de economía social. O prazo para concorrer a esta iniciativa remata o 18 de febreiro e a ela pode presentarse calquera persoa emprendedora ou proxectos de emprendemento que desexen participar nun itinerario de alto rendemento para fortalecer e consolidar as súas iniciativas.

Este programa enmárcase na estratexia da USC por impulsar a innovación e a sustentabilidade empresarial dentro das economías emerxentes da man da economía social. Durante máis de catro meses, as persoas participantes recibirán formación especializada, mentoría, titorías personalizadas e apoio na busca de financiamento, co obxectivo de acelerar o desenvolvemento de proxectos viables e sostibles no ámbito da economía social.

A aceleradora está deseñada para fomentar a creación e consolidación de iniciativas empresariais en sectores estratéxicos como a economía verde, azul, laranxa, amarela e prateada. O programa está aberto a tres grandes grupos de persoas destinatarias da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal: persoas emprendedoras interesadas en crear e impulsar os seus proxectos empresariais de economía social; proxectos de economía social promovidos por empresas do territorio transfronteirizo xa creadas e en fase de consolidación que queiran acelerar os seus proxectos ou alcanzar un salto de escala; e empresas constituídas baixo outras fórmulas xurídicas que queiran transformarse en empresas de economía social.

A Universidade de Santiago de Compostela, como institución de referencia na xeración e transferencia de coñecemento, reforza con esta iniciativa a súa aposta polo emprendemento e a economía social como motores de desenvolvemento sostible e innovación. A través de ES-Factory USC-Impulsa, non só ofrece recursos e acompañamento aos emprendedores, senón que tamén contribúe activamente á creación dun tecido empresarial comprometido coa transformación social e o crecemento económico sostible.

As accións realizadas baixo o proxecto 0259_ES_Factory_1_E están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional a través do programa Interreg VI A España – Portugal (POCTEP) 2021-2027, que promove proxectos de cooperación transfronteiriza co apoio da Unión Europea.