Lugo,
Santiago de Compostela
As agrupacións que estean dadas de alta no Rexistro de Compañías de danza e teatro da Área de Cultura xa poden concorrer ás axudas que cada ano convoca a USC para promocionar e estimular este tipo de actividades. Deste xeito, a Vicerreitoría de Estudantes e Cultura destina para este curso académico 2024-25 unha dotación de 7.000 euros para financiar proxectos teatrais e de danza xurdidos no seo da comunidade universitaria. A convocatoria está aberta a toda clase de propostas escénicas, incluídas as performance, accións, ou espectáculos híbridos, ademais da estrea de pezas literarias ou creacións colectivas. O prazo para formalizar as solicitudes permanece aberto ata o 17 de febreiro.
As solicitudes presentaranse a través do Rexistro da sede electrónica da USC, dirixidas á Vicerreitoría de Estudantes e Cultura co asunto ‘Convocatoria de Axudas á Creación e aos Proxectos de Agrupacións Teatrais e de Danza’ e de acordo cos requirimentos establecidos na convocatoria. Unha vez rematado o prazo de entrega, realizarase a avaliación dos proxectos por parte da Comisión de Actividades Culturais e Deportivas delegada do Consello de Goberno que procederá ao estudo das solicitudes e formulará un informe que elevará á Vicerreitora de Estudantes e Cultura.
Os criterios para a análise dos proxectos elaborados polas compañías escénicas da USC abarcarán o feito de estar rexistrada correctamente a compañía, achegar a documentación requirida na convocatoria, valorando a correcta exposición e a súa coherencia co proxecto; achegar documentación gráfica do proxecto, especialmente nos epígrafes de espazo escénico, vestiario e iluminación; contar cun orzamento razoado e axustado co proxecto; así como a presentación en forma. Valorarase positivamente que a dirección do traballo sexa dun membro da comunidade universitaria, así como que a totalidade da compañía pertenza á USC.