A preinscrición no Programa Mentoring STEMbach abriu este mércores 12 e pecharase este venres. A matrícula para participar nesta iniciativa, dirixida a estudantes de titulacións de grao da USC que teñan o título de Bacharelato STEMbach, estenderase do 18 ao 19 de marzo.
As actividades a desenvolver no programa consistirán, principalmente, no apoio ao estudantado que estea cursando no seu instituto o Bacharelato STEMbach baixo a co dirección dalgún PDI do centro da USC no que realice os seus estudos de grao. A participación nas xornadas de benvida da USC e a colaboración cos centros nas xornadas dos Encontros na Zona USC son outras das encomendas.
As persoas que se matriculen por vez primeira neste programa terán que facer un curso de formación de 4 sesións entre os días 20 e 27 de marzo na Facultade de Física (Campus Vida, Santiago de Compostela) e na Facultade de ADE (Campus de Lugo).
A avaliación positiva da realización das actividades do programa dará dereito ao recoñecemento de 1,5 créditos ECTS por curso académico nas titulacións de grao (ata un máximo de 6 créditos ECTS).