A Universidade Europea do Benestar EUniWell, na que se integra a USC, lanza unha nova edición dunha das súas iniciativas insignia: o programa ‘Seed Funding’, orientado á financiación de proxectos que melloren de xeito significativo o benestar na saúde, na educación, na cultura, na universidade, na esfera persoal ou, en xeral, na sociedade. A oitava convocatoria Seed Funding de EUniWell estará aberta ata o 16 de marzo de 2025. A resolución cos proxectos seleccionados coñecerase no mes de maio.
Seed Funding persegue que persoal investigador, profesorado, estudantado e persoal administrativo das universidades integradas no consorcio EUniWell colaboren na posta en marcha de proxectos innovadores. As propostas de colaboración deben ser presentadas por persoal ou estudantado de polo menos catro universidades da alianza. Os proxectos seleccionados, que terán unha duración de ata 12 meses, recibirán unha subvención máxima de 25.000 euros a distribuír entre os diferentes socios.
Sesións informativas
A Oficina EUniWell da USC organizará no mes de febreiro unha sesión informativa a fin de orientar no proceso de solicitude. Porén, as consultas xerais sobre esta convocatoria poden dirixirse ao enderezo euniwell [at] usc.gal (euniwell[at]usc[dot]gal). Adicionalmente, EUniWell celebrará tamén tres encontros virtuais en inglés para resolver dúbidas sobre a oitava convocatoria: o 28 de xaneiro, o 5 de febreiro e o 13 de febreiro en horario de 12.00 a 13.30 horas.
Proxectos seleccionados en edicións anteriores
O programa Seed Funding de EUniWell xa financiou máis de 60 proxectos colaborativos que tiñan como obxectivo promover e mellorar o benestar. Dos nove proxectos seleccionados para financiación na pasada convocatoria, a USC participa en seis, dos cales coordina dous: Geo3DTouch e PSYSUB.