A USC mantén aberto ata o 21 de xuño o prazo para concorrer ás axudas á investigación de 2025 para a realización de proxectos destinados a desenvolver medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Pode participar nela o persoal docente e investigador a tempo completo en servizo activo na institución compostelá.
Os proxectos deberán versar sobre unha ou varias accións asociadas ás correspondentes medidas do documento refundido final do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Así, poden ser estudos sobre o impacto do acoso, as agresións e os abusos sexuais no ámbito universitario (medida 8); sobre a situación das mulleres maiores de 65 anos que sofren violencia de xénero (medida 100) ou sobre os menores (custodia, réxime de visitas, relacións co pai maltratador…) (medida 202).
Sistemas de análise estatística que recollan as violencias machistas que sofren as mulleres que exercen a prostitución (medida 267) ou investigación en violencias sexuais, con estudos de prevalencia e deseño de indicadores para todos os tipos de violencias sexuais (medida 255) son outras das liñas obxecto desta convocatoria.
A última das temáticas posibles aborda o estudo sobre as novas realidades da trata e as respostas operativas que deben implementarse para que as actuacións policiais teñan maior facilidade á hora de intervir en espazos de alto nivel de control por parte dos proxenetas, incluídas as vivendas (medida 264).
Esta convocatoria responde a un acordo coa Consellaría de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia para o desenvolvemento de medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.