A Xunta salienta o talento novo do deporte galego que fortalece a canteira e potencia a base

A Coruña, 16 de xaneiro de 2025

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou na entrega dos premios Talento Base DXT, onde salientou o talento novo do deporte galego, que amplía a fortaleza da canteira e potencia a base. Para o conselleiro, este talento queda patente nas traxectorias de numerosos deportistas, así como de técnicos e entidades como os que hoxe recibiron os novos galardóns impulsados polo xornal deportivo coruñés.

A maiores, referiuse ao apoio da Xunta ao deporte base a través de medidas como o programa Xogade, que na última tempada pechada, 2023-2024, rematou con preto de 150.000 nenos e nenas participantes, o 60% da poboación escolar á que vai dirixido. O obxectivo é inculcarlles aos máis novos a importancia de incorporar a actividade física á súa rutina, con hábitos que os acompañen ao longo da súa vida “non só para acadar éxitos deportivos, senón para converterse en adultos activos e saudables”, segundo apuntou Diego Calvo.

Deja un comentario