A Xunta salienta o compromiso co sector da pedra natural como motor estratéxico de Galicia e xerador de riqueza e emprego

O Porriño (Pontevedra), 4 de xuño de 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou esta noite no acto de entrega de premios da Stone Gala, celebrado na canteira de Granitos e Áridos de Atios, no Porriño, no marco de Stonegal, o principal evento da pedra natural da Península Ibérica.

Durante o acto, o conselleiro entregou o Premio Traxectoria Laboral a Gonzalo Florido, funcionario recentemente xubilado da Oficina Territorial de Minas de Pontevedra, a quen recoñeceu «polo seu compromiso, profesionalidade e dedicación ao longo dunha traxectoria de servizo público a prol dun sector estratéxico para Galicia».

González puxo en valor o simbolismo de celebrar a gala nunha canteira como “un espazo que representa o punto de partida dun material esencial na construción do presente e do futuro”. Na súa intervención, tamén reafirmou o compromiso decidido da Xunta de Galicia co sector, incidindo na vontade de avanzar da man das empresas para impulsar a competitividade, responder aos retos laborais e aproveitar todo o potencial de crecemento que ofrece a pedra natural en Galicia.

Destacou tamén como eixes prioritarios de actuación a formación especializada e a retención e atracción de talento, elementos clave para consolidar un sector moderno, sostible e xerador de riqueza e de emprego de calidade.

Deja un comentario