Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2024
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, salientou a fortaleza do balonmán en Galicia con motivo do acto de presentación das seleccións galegas que estarán no Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA), do 3 ao 8 de xaneiro en Cataluña. Na súa intervención, o conselleiro destacou o incremento de licenzas nesta disciplina, con case 11.000, a cifra máis alta dos últimos anos xunto coa de 2023.
Diego Calvo incidiu no orgullo de Galicia polo talento que demostran deportistas e clubs, tanto na comunidade como fóra. Así, mencionou o porteiro cangués da selección española, Rodrigo Corrales, a trintena de deportistas de alto nivel desta disciplina e a vintena de equipos masculinos e femininos presentes nas ligas nacionais.
Sinalou tamén o apoio da Xunta a este deporte, desde a base a través de diversos programas de fomento da práctica deportiva entre os máis novos, como Xogade ou Corresponsables, e de liñas de axudas aos clubs e federacións, ata o alto nivel, con axudas específicas e patrocinios.
A maiores, Diego Calvo insistiu na importancia do deporte na transmisión de valores de integración, compañeirismo, respecto e superación, así como na mellora da saúde e da calidade de vida en todas as idades.
O conselleiro aproveitou tamén para condenar todo tipo de violencia no deporte, en alusión á agresión acontecida recentemente nun partido da categoría cadete feminina de balonmán. “Desde as institucións e desde o propio ámbito do deporte debemos unir voces e accións para que isto non se repita e transmitirlle á sociedade que feitos como este xa non resultan tolerables nin quedan impunes”, afirmou.