Sarria (Lugo), 29 de abril de 2025
A Xunta renova o seu apoio á concentración moteira organizada polo club Sarria Bikers na súa terceira edición, que reunirá uns 400 participantes a fin de semana do 9 ao 11 de maio.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación do programa, que inclúe rutas, xogos moteiros e concertos durante os tres días.
Entre as actividades propostas figura unha exhibición a cargo de Acuko Stunt Rider o sábado ás 18.30 horas no Campo da Ribela; seguida dunha ruta de fachos e bandeiras en memoria dos moteiros caídos a partir das 20,00 horas.
Arias felicitou aos promotores por sumar cada ano máis afeccionados que visitan Sarria atraídos por esta iniciativa, que “dinamiza a economía local e brinda unha nova oportunidade de promoción da zona”.