Santiago de Compostela, 26 de maio de 2025
A Consellería de Economía e Industria, vén de enviar para tramitación ambiental o borrador do instrumento de ordenación do parque empresarial de Fragamoreira que a Xunta está a promover en Poio e que contará cunha superficie de 374.229 m².
Este polígono industrial está localizado nun lugar idóneo e estratéxico ao carón da cidade de Pontevedra e con comunicacións ao porto de Marín, á autoestrada AP-9, Vilagarcía e á comarca do Salnés.
En canto ao borrador do Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial (Peose) que agora se remite á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para aprobación ambiental, permite planificar e ordenar as actuacións urbanísticas necesarias para a creación do parque empresarial, un desenvolvemento que está recollido no Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galicia.
O obxectivo do Goberno galego é tratar de axilizar o máximo posible o desenvolvemento de solo naqueles concellos e comarcas, neste caso en Pontevedra, onde se pode continuar desenvolvendo economicamente a zona pero sempre con respecto aos trámites administrativos e medioambientais e intentando acompañar ao tecido produtivo.