A Xunta reitera o seu compromiso para que as persoas con síndrome de Down teñan presenza en todos os ámbitos da sociedade

A Coruña, 21 de marzo de 2025

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, acompañada da directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, asistiu esta tarde ao acto conmemorativo do Día Mundial da Síndrome de Down, no que tamén se celebrou o 25 aniversario de Down Coruña.

Na súa intervención, a directora xeral puxo en valor o traballo desta entidade, á que felicitou por “un cuarto de século dando visibilidade ás persoas con síndrome de Down e apostando polo seu futuro”, ao tempo que destacou que a Xunta traballa para que as persoas con síndrome de Down estean presentes en todos os ámbitos da sociedade.

A xornada de sensibilización tamén incluíu a lectura do Manifesto pola Promoción da Autonomía Persoal e a entrega dos X Premios Down Galicia, que teñen como obxectivo recoñecer o labor a favor da promoción da autonomía e igualdade das persoas con síndrome de Down, realizado tanto por institucións e entidades como por persoas particulares.

Cómpre lembrar que cada 21 de marzo conmemórase en todo o mundo o Día Mundial da Síndrome de Down, unha data escollida por Nacións Unidas como un símbolo, en referencia á triplicación do cromosoma 21 que se traduce na condición xenética da síndrome de Down.

Deja un comentario