Santiago de Compostela, 23 de maio de 2025
A Xunta solicitou ao Goberno de España a inclusión na orde do día da XXVIII Conferencia de Presidentes de temas considerados “prioritarios” e “estratéxicos” tanto para Galicia como para o conxunto do Estado. Así o confirmou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, quen remitiu unha carta ao ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres, pedindo que as propostas de Galicia formen parte da orde do día para ser abordadas na reunión que se celebrará o vindeiro 6 de xuño en Barcelona.
O conselleiro afirmou que, “se ben desde Galicia consideramos axeitado que tanto a vivenda como educación e Formación Profesional, temas propostos polo Goberno central, sexan abordadas no encontro, non poden quedar fóra do debate outros asuntos tamén prioritarios para as comunidades autónomas”. Así, no que atinxe á vivenda, “é necesario tratar o acceso á mesma e a necesidade de garantir a seguridade xurídica dos propietarios”. Ademais, o Goberno Galego reclama abordar “a seguridade no modelo enerxético e as inversións técnicas nas redes de Red Eléctrica Española, así como as enerxías de respaldo”; máxime cando, “pasado un case un mes desde o apagamento, seguimos sen ter unha explicación do Goberno de España ao respecto”.
Outro dos puntos a incluír na orde do día sería o control das fronteiras e a inmigración, materias nas que o Estado ostenta “unha indelegable competencia exclusiva”. Tal e como detallou o conselleiro, Galicia tamén requiriu que se aborde no encontro o “grave déficit das infraestruturas críticas”, en referencia ao “sistema ferroviario nacional, o transporte público e as comunicacións”. A estes aspectos engadiu o déficit de persoal sanitario e a financiación, co obxectivo de abordar tamén a reestruturación da débeda e a aprobación por Real Decreto Lei das entregas a conta.
O conselleiro incidiu en que confía en que “o Goberno acepte as peticións que facemos desde Galicia para que a celebración da Conferencia de Presidentes poida servir para tratar os asuntos que preocupan ás comunidades e que afectan ao día a día dos galegos e galegas”. Diego Calvo lamentou a “improvisación” coa que foi convocada a Conferencia, unha actitude que, ao seu xuízo, responde “á estratexia do Goberno de Pedro Sánchez para tender unha cortina de fume e non dar respostas nin explicacións respecto dos escándalos que implican tanto ao seu Goberno como ao seu entorno”.
“Agardamos que non fagan ir ás comunidades a Barcelona a perder o tempo e a dar unha sensación de normalidade que non existe porque nada pode ser normal cun Goberno que traspasou todas as liñas vermellas e non da explicacións aos españois”, declarou.
Por último, Diego Calvo insistiu en que espera que a Conferencia “non sexa un monólogo, senón que haxa diálogo e debate e que se teñan en conta as posicións das comunidades”, concluíu.