A Xunta realizou máis de 283.000 probas desde a posta en marcha do plan para a eliminación da Hepatite C, que permitiron detectar 372 positivos

Vigo, 31 de maio de 2025.- A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, puxo en valor o traballo de detección precoz da hepatite C que se está a realizar a Xunta a través do plan para a eliminación desta patoloxía posto en marcha en xullo de 2023. Detallou que, desde o inicio do Plan para a eliminación da hepatite C foron realizadas máis de 283.000 probas coas que se teñen detectado 372 positivos.

A directora xeral de Saúde Pública participou hoxe en Vigo no XIX Curso en avances en infección VIH e hepatites virais co relatorio Historia dun éxito: o Plan de Eliminación da Hepatite C en Galicia.

Actualmente, ás persoas de 40 a 69 anos que acoden a consulta de atención primaria realízaselles un cribado cando deben realizar unha analítica por calquera outro motivo ou, se non é o caso, infórmaselles sobre a enfermidade para decidir se solicitar unha analítica para a detección precoz da hepatite C.

Galicia foi pioneira coa implantación deste cribado oportunista, iniciativa que a Alianza para a eliminación das hepatites víricas en España -conformada por sociedades científicas e asociacións de pacientes- pon como exemplo para o resto de sistemas sanitarios.

Neste 2025, na cohorte nada entre os anos 1974 e 1983, de máis de 440.000 persoas, agárdase unha prevalencia de infección activa do 0,14 %.

 

Deja un comentario