Santiago de Compostela, 12 de maio de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases reguladoras e a convocatoria pública en réxime de concorrencia para a ocupación temporal, para usos sociais e sanitarios, dos locais destinados a este fin no edificio administrativo da Xunta na rúa Gregorio Hernández, número 2, da Coruña, tamén denominado Espazo Amizar.
Con esta orde autorízase a ocupación de 12 locais, dos que oito deles son tipo A cunha superficie duns 31 metros cadrados, tres do tipo B duns 41 metros cadrados e un de tipo C, duns 20 metros cadrados. Todos eles atópanse diáfanos e independentes no terceiro andar e entregaranse exclusivamente coas tomas de climatización, alumeado e tomas de corrente.
O prazo máximo de duración das autorizacións de uso, incluídas as prórrogas, será de catro anos. A anterior adxudicación produciuse en agosto de 2022 a través dun concurso público co obxectivo de garantir un servizo nas mellores condicións, tanto para o persoal como para a cidadanía.
As asociacións e entidades sen ánimo de lucro deberán presentar as súas solicitudes de xeito individual ou de maneira conxunta mediante agrupación. O número máximo de locais adxudicados será un por solicitante.
As entidades sen ánimo de lucro destinadas a fins sociais e sanitarios interesadas en formalizar a súa petición teñen que estar legalmente constituídas e inscritas no rexistro público correspondente. Deben ter domicilio social no concello da Coruña ou nos municipios limítrofes e da bisbarra e, se non é así, acreditar que a meirande parte da súa actividade se desenvolve nestas zonas.
As solicitudes presentaranse de maneira obrigatoria a través da sede electrónica da Xunta https://sede.xunta.gal e durante o prazo máximo dun mes contado desde mañá.
Con arredor de 6.000 metros cadrados, o edificio da Xunta bautizado como Espazo Amizar naceu da reforma da antiga sede de Sanidade na cidade coruñesa. As obras supuxeron un investimento de sete millóns de euros para acoller, entre outras dependencias, unha oficina de emprego, oficinas administrativas da Xunta estes locais do terceiro andar para organizacións sanitarias e sociais sen ánimo de lucro.
Con esta rehabilitación, a Xunta dotou á cidade dun espazo administrativo recuperando un edificio para os coruñeses e poñendo en valor o patrimonio público.
A posta á disposición dos locais ao servizo das entidades sociosanitarias enmárcase no compromiso da Xunta co labor que desenvolve cada unha delas e, en xeral, co tecido asociativo da Coruña. O Goberno galego, ao igual que fixo tamén no edificio administrativo da Xunta na rúa Benito Corbal de Pontevedra, dá resposta ás necesidades de espazo dos colectivos da cidade.