Mañón (A Coruña), 18 de xaneiro de 2025
A iniciativa GALICIA SABE AMAR, impulsada pola Xunta, continúa facendo quilómetros visitando todo o territorio galego e levando a calidade e mellor sabor dos produtos do mar. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou a foodtruck desta campaña no concello coruñés de Mañón onde exhortou ao conxunto da poboación a consumir peixes e mariscos como parte esencial dunha dieta equilibrada e saudable. Alí o responsable autonómico puxo en valor as propiedades nutritivas e culinarias destes alimentos e os múltiples beneficios do seu consumo na prevención de doenzas como as de carácter cardiovascular.
Este municipio súmase así a longa lista de concellos galegos participantes desta campaña que ten como obxectivo amosar a versatilidade dos produtos pesqueiros e poñer en valor o traballo que realizan os milleiros de profesionais da comunidade que traballan na extracción, produción, comercialización e transformación das distintas especies para a súa posta a disposición nos mercados. O titular de Mar reiterou a importancia de promocionar estes produtos polo seu impacto na saúde e benestar dos consumidores.